Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A cartografía sobre o Camiño de Santiago en aplicacións informáticas, obxecto dunha conferencia na Casa de Galicia

Falouse da aplicación para móbiles "Camiño de Santiago" para os sistemas iOS de Apple e Android e do proxecto "Cartografía Colaborativa e Hipermedia"
Madrid, 23 de novembro de 2016.

A cartografía sobre o Camiño de Santiago nas novas tecnoloxías foi o obxecto da conferencia que o enxeñeiro e cartógrafo Manuel Carbajo, xefe de Cartografía Temática do Instituto Xeográfico Nacional (IXN), pronunciou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, "Cartografía dixital do Camiño de Santiago publicada polo Instituto Xeográfico Nacional". A conferencia tivo lugar dentro da edición correspondente a 2016 do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos, que se desenvolve na Casa desde o pasado luns e ata mañá, xoves, organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid que preside José Antonio Ortiz, quen presentou ao relator.

Carbajo explicou as actuacións que en materia de Cartografía Temática desenvolve o IXN relacionadas co Camiño de Santiago. En concreto falou acerca das actuacións cartográficas relativas ás novas tecnoloxías, a aplicación para dispositivos móbiles "Camiño de Santiago" publicada hai uns meses polo IXN e o Centro Nacional de Información Xeográfica, que comercializa os produtos do IXN; para os sistemas operativos iOS de Apple e Android, de distribución gratuíta. Tamén do proxecto "Cartografía Colaborativa e Hipermedia" que está a desenvolver o IXN e no que o Camiño de Santiago "é unha capa de información temática que se pode poñer en relación con outras capas de información, o que fai máis rica a consulta e a análise final por parte do usuario".

"A primeira ferramenta App está destinada a un público que vai percorrer o Camiño e por iso contén todas as funcionalidades e información necesaria para ese fin. A segunda ferramenta, aínda que tamén é accesible desde dispositivos móbiles, está máis orientada á súa consulta en escritorio e é unha ferramenta de análise previa a unha exploración do terreo", sinalou.

"Supoñen en definitiva unha ferramenta de publicación de información temática na que é o usuario final o que, activando e desactivando capas, configura o seu mapa á carta en función dos seus intereses", engadiu, tras presentalas e explicado o seu funcionamento para que, quen o desexe, poida facer uso delas pois, como fixo notar, ambas as ferramentas informáticas están xa publicadas e a disposición dos usuarios.

O Seminario finalizará mañá coa conferencia "O valor excepcional do Camiño de Santiago e o seu recoñecemento internacional" que impartirá a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Begoña Cerro Prada. Nos días anteriores desenvolvéronse as tituladas "10 intervencións do Programa ´1,5% Cultural´ no Camiño Francés ao seu paso por Galicia", do subdirector xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Fomento, Francisco Javier Martín Ramiro, e "O patrimonio histórico e arquitectónico do Camiño urbano de Madrid. Unha mirada diferente ás igrexas, palacios, prazas, fontes e casa da capital", do xornalista e escritor especializado en temas madrileños Javier Leralta.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes