Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Xusto Beramendi: "Castelao é unha das figuras máis importantes da política galega por converterse case nun símbolo de Galicia"

Catedrático de Historia Contemporánea e presidente do Museo do Pobo Galego, impartiu a conferencia "Castelao e a política", no ciclo "Ao redor de Castelao"
Madrid, 25 de maio de 2016.

Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires,1950) "é unha das figuras máis importantes da política galega da primeira metade do século XX e non polo poder que alcanzou no seu tempo, senón por converterse para as xeracións posteriores case nun símbolo de Galicia, recoñecido e enxalzado por todas as tendencias ideolóxicas democráticas, da dereita á esquerda, a pesar da súa condición de líder do nacionalismo galego". Así o mantivo hoxe o catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Museo do Pobo Galego Xusto Beramendi na conferencia "Castelao e a política", que impartiu na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, enmarcada no ciclo de conferencias "Ao redor de Castelao", organizado en colaboración coa Fundación Castelao.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, Beramendi foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen lembrou algúns dos trazos máis relevantes da súa biografía e lembrou que a súa conferencia pecha o ciclo que se desenvolveu nos tres últimos días ao redor da figura de Castelao.

O conferenciante fixo un percorrido pola evolución do pensamento de Castelao e as principais etapas da súa actividade política. "Nacionalista partidario dunha Galicia federada ao que consideraba restantes nacións ibéricas, azoute de caciques e corruptos coas súas caricaturas políticas, demócrata antifascista, participou na fundación e desenvolvemento das Irmandades da Fala (1916-1930) e na creación do Partido Galeguista (1931-1936), foi elixido deputado a Cortes en 1931 e 1936, promoveu a tramitación do Estatuto de Autonomía de Galicia e orientou a alianza do nacionalismo galego coas esquerdas españolas e a súa entrada na Fronte Popular en 1936 para poder culminar o proceso autonómico. Durante a Guerra Civil actuou de enviado da República na URSS, Cuba e Estados Unidos para solicitar axuda", expuso.

"No exilio, reorganizou o nacionalismo galego en Arxentina, creou o Consello de Galiza como sucedáneo de goberno galego no exilio, foi ministro do Goberno Giral en París e aínda tivo tempo de escribir, antes da súa morte en 1950, a súa obra maior, ´Sempre en Galiza´, que inspiraría na década seguinte a reactivación do galeguismo antifranquista", resumiu.

Xusto Beramendi González realizou estudos de Enxeñería Industrial en Madrid, de tradución en Barcelona e de doutoramento en Historia en Santiago de Compostela. Actualmente está xubilado como catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerreitor. Foi cofundador do Museo do Pobo Galego e é o presidente do seu actual Xunta Reitora. É membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Participou na creación das revistas "Negaciones", "A Trabe de Ouro" e "Tempos Novos". Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos foi editor das obras de Losada Diéguez, Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Vicente Risco. Organizou e coeditó as actas dos congresos "Nacionalismos e rexionalismos na España da Restauración" (1983), "Castelao" (1986), "Os nacionalismos na España da Segunda República" (1988), "Nationalisms in Europa. Past and present" (1993) e "Memoria e identidade" (2004).

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes