Medios
- Un momento da conferencia de Díaz Bustamante, con público. (3264x4533px., 503 Kb.)
- Díaz de Bustamante, Jiménez e Ortiz. (3406x4731px., 543 Kb.)
- Díaz de Bustamante, Jiménez e Ortiz, na mesa. (2867x3981px., 475 Kb.)
- Jorge Martínez-Cava, vicepresidente da Asociación, Díaz de Bustamante, Ortiz e Jiménez. (3193x4435px., 522 Kb.)
- Público que asistiu ao acto. (3456x4800px., 581 Kb.)
Códice Calixtino, tema central da conferencia que clausurou o "XV Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos"
O Códice Calixtino da Catedral de Santiago foi o fío condutor da conferencia “O Códice Calixtino e algunhas curiosidades camiño de Santiago”, ofrecida hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia polo catedrático de Latín da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Díaz de Bustamante. Con ela clausurouse a XV edición do “Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos”, que veu desenvolvéndose na Delegación desde o pasado luns organizado en colaboración coa “Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid”.
Ademais do conferenciante, participaron nesta última sesión, o presidente da Asociación, José Antonio Ortiz, que presentou a Díaz de Bustamante, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia/director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.
Jiménez subliñou o éxito do Seminario, “que vén celebrándose nesta Casa desde fai quince anos en memoria e recordo de José Antonio Cimadevila Covelo, ilustre galego que presidiu o Centro Galego de Madrid e tamén a ´Asociación de Amigos de los Camnos de Santiago de Madrid´, por el fundada”. “O Seminario pretende ser un lugar de reflexión sobre o Camiño de Santiago e as realidades, tan diversas, que o fenómeno da Peregrinación creou, polo que abre as súas portas a todos aqueles ámbitos do coñecemento que poidan axudar no estudo do Camiño e da peregrinación”, engadiu.
Díaz de Bustamante falou do Códice Calixtino e do interese, propiamente medieval, polas reliquias, sinalando que “nun texto tan antigo como os canons do Terceiro Concilio de Braga, e tan galego que case é de actualidade, dedícase algún tempo para establecer o que é e o que non é correcto da veneración de reliquias”. “No Calixtino, queda claro que Gelmírez está decidido a aproveitar o potencial xa non só das reliquias, senón mesmo dos restos apostólicos, para propoñer unha visión nova da peregrinación ad limina sancti Iacobi que teña en conta, á vez, as diversas stationes do Camiño que merecen un desvío máis ou menos longo dos peregrinos para honrar a tal ou cal santo e o Camiño mesmo a Santiago; para destacar o valor deste itinerario recórrese, no Calixtino, á inclusión do chamado Pseudo Turpín para ter a desculpa de presentar a figura de Carlomagno como o gran fautor da peregrinación compostelá” expuxo. Por iso, precisou, préstase atención aos elementos que forman parte da descrición do Emperador e moi especialmente das fontes que se manexan no Liber sancti Iacobi.
José Manuel Díaz de Bustamante(Santiago de Compostela, 1950) é catedrático de Filoloxía Latina na Universidade de Santiago e dedícase especialmente á edición crítica de textos tardíos, medievais e renacentistas, ao estudo de manuscritos bajomedievales e a temas de tradición clásica e de retórica literaria. A súa vinculación xacobea comeza co seu nacemento, na Rúa Nova, de Santiago, e continúa ao longo da súa vida en múltiples detalles, como a súa residencia, “xustamente, entre a Via ad Portum Apostoli de Noia, e o antigo Camiño a Finisterre, nos arredores de Santiago”. Entre outras cousas, é xestor dunha base de datos aberta na internet que se centra na documentación medieval do Reino de Galicia e que pon a disposición de todos os estudiosos da cultura, a relixiosidade e a mentalidade medievais as fontes diplomáticas e cronísticas existentes (http://corpus.cirp.es/codolga), e é o responsable técnico do corpus documental (séculos VIII-XIV) informatizado do Reino de León, situado no Departamento de Filoloxía da Universidade de León (http://www3.unileon.es/ grupos/lexicon/index.html.htm).
Departamento: Prensa