Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"O Camiño de Santiago é un dos bens culturais máis importantes de España e o que condensa un maior valor universal"

Afirmou a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas CC AA do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na conferencia que ofreceu na Casa de Galicia
Madrid, 24 de novembro de 2016.

"O Camiño de Santiago é un dos bens culturais máis importantes de España e, sen dúbida, o que condensa un maior valor universal excepcional, tanto polo seu patrimonio histórico-artístico como polo seu significado espiritual e os seus valores inmateriais", afirmou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas (CC AA) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, resaltando especialmente que ten "os máximos recoñecementos internacionais que pode conseguir un ben cultural".

Fíxoo na conferencia "O valor excepcional do Camiño de Santiago e o seu recoñecemento internacional", coa que pechou a edición de 2016 do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos, organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid. O presidente da Asociación, José Antonio Ortiz, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, en representación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, presentaron á relatora.

"Á singularidade de ser un ben seriado que atravesa boa parte do territorio español e, en consecuencia, obxecto de protección e conservación por diferentes administracións e diversos sistemas xurídicos, engádese o feito das súas conexións con Europa e a súa relación con outros fenómenos de peregrinación en distintos lugares do mundo", valorou.

A conferenciante mantivo que "o valor universal do Camiño de Santiago está na base dos seus recoñecementos internacionais, os máximos que pode conseguir un ben cultural no momento actual: Primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) con categoría de Gran Itinerario (2004), Patrimonio Mundial (1993 e 2015) e Premio Príncipe de Asturias á Concordia (2004)".

"Estes recoñecementos implican, para o Estado español e para as administracións autonómicas e locais con competencias sobre o Camiño de Santiago, a asunción de importantes responsabilidades en canto á xestión, preservación e mantemento do ben. Ao mesmo tempo, a visibilidade e o prestixio asociados a estas mencións internacionais, así como o potencial intercultural que achegan, supoñen unha oportunidade de desenvolvemento económico e de cohesión social das comunidades e poboacións locais", valorou.

Segundo Begoña Cerro, "no correcto equilibrio daquelas responsabilidades e destas oportunidades atópase o verdadeiro reto da xestión pública en favor do Camiño de Santiago e dos valores que o fan internacionalmente merecedor das máis altas distincións".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes