O pediatra e profesor Francisco Ruza abordou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid a humanización da Medicina desde o ámbito da Pediatría e a Musicoterapia

Nunha conferencia enmarcada no ciclo "Medicina e Humanidades", organizado por Asomega, que foi seguida por un centenar de persoas
Madrid, 15 de marzo de 2018.

Esta tarde tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia unha nova conferencia do ciclo "Medicina e Humanidades", organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega). Baixo o título de "Humanización na asistencia médica desde a miña experiencia en Pediatría. O valor da musicoterapia", o conferenciante, santiagués, expresidente de Asomega, pediatra e profesor emérito da Universidade Autónoma de Madrid, Francisco Ruza analizou a situación actual da asistencia nese campo da Medicina e expuxo o papel que a Musicoterapia ten no contexto dunha asistencia máis humana. Un centenar de persoas, que completou o aforamento da sala, seguiu con atención as súas explicacións.

Ademais do conferenciante, no acto interviñeron o presidente de Asomega e director e coordinador do ciclo, Julio Ancochea, o presidente de Previsión Sanitaria Nacional (PSN), Miguel Carrero, o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, e o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que pechou o acto. Tras a conferencia, proxectouse un vídeo cunha demostración de musicoterapia a cargo do Grupo de Musicoterapia do Hospital Universitario A Paz, de Madrid, que explicaron as súas coordinadoras, as profesoras María Jesús del Olmo e Alicia Lorenzo.

Ónega deu a benvida aos intervenientes e ao centenar de persoas que acudiu á conferencia e sinalou que "os actos que promove Asomega son sempre de gran interese e agradecémoslle ao doutor Ancochea que unha vez máis traia a esta Casa os ecos da Medicina, esa profesión que ten e atesoura aspectos científicos e humanos tan relevantes e necesarios".

Ancochea defendeu a necesidade de equilibrar o desenvolvemento tecnolóxico coa atención "integral e personalizada" ao paciente. "A humanización é a aproximación do sistema sanitario á paciente-persoa nunha vertente de calidade humana, potenciando a empatía e a abordaxe integral", mantivo, engadindo que "ten un impacto directo sobre a cultura das organizacións sanitarias, a administración, as políticas sanitarias, os profesionais e sobre pacientes, coidadores e familiares". Segundo o doutor Ancohea, "a clave do éxito da humanización reside en lograr un ´cambio de cultura´ centrado nas persoas. Os profesionais sanitarios somos persoas que nos comprometemos e traballamos por e para outras persoas que viven unha situación de incerteza".

Carrero, presidente de PSN, entidade patrocinadora do ciclo, subliñou o compromiso de Asomega coa dimensión humana e humanística da Medicina. "Por iso, PSN contribúe co seu apoio para potenciar esta faceta nun mundo moi materializado no que a tranquilidade de conciencia é parte da propia saúde", explicou. Respecto do conferenciante, destacou a súa gran experiencia e traballo en favor dos nenos a través da musicoterapia.

Ruza, que foi durante máis de trinta anos xefe da Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos do Hospital Universitario La Paz de Madrid, explicou que "na asistencia médica actual concorren a eclosión dun gran desenvolvemento tecnolóxico e informático, a formación fundamentada sobre estas bases das novas xeracións de profesionais e a universalización da asistencia coa consecuente masificación da súa xestión", o que está a xerar "un cambio na dinámica da asistencia aos pacientes, cunha percepción por parte dos mesmos e dos seus familiares, de diminución progresiva da relación interpersoal entre o médico e o paciente". Ruza analizou a situación actual e defendeu "a necesidade de recuperar esa relación esencial e positiva, base dunha ciencia na que o factor humano segue sendo fundamental".

Apreciou que o tema é de gran complexidade ao involucrar factores estruturais e organizativos con factores humanos e que "nos afecta a todos, administracións públicas e privadas, institucións educativas, sociedades científicas e profesionais, pero fundamentalmente incumbe a todas as persoas que traballan no campo da saúde: a súa formación profesional e humana, a súa actitude e aptitude no traballo cotián e a súa dispoñibilidade para evolucionar cara a unha cultura de humanización na asistencia sanitaria". Finalmente, en base á súa experiencia falou do papel da Musicoterapia no contexto dunha asistencia máis humana, "contribuíndo ao mellor estado anímico e emocional dos paciente de todas as idades".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes