Francisco Javier Martín Ramiro falou sobre as intervencións máis importantes no Camiño francés en Galicia

O arquitecto de Fomento pronunciou na Casa de Galicia en Madrid a conferencia inaugural do "Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos"
Madrid, 21 de novembro de 2016

O arquitecto, subdirector xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Fomento, Francisco Javier Martín Ramiro pronunciou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a conferencia inaugural do Ciclo do "Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos" co título, "Dez intervencións do programa "1,5 Cultural" no Camiño Francés ao seu paso por Galicia", organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, que preside José Antonio Ortiz. A presentación do acto fíxoa o coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez, en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega. 

Jiménez lembrou que o Seminario leva o sobrenome de José Antonio Cimadevila Covelo (Santiago 1919-Madrid 2001) en memoria e recordo deste ilustre galego, que presidiu o Centro Galego de Madrid e ademais foi fundador e primeiro presidente da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid desde 1987. Este Seminario, que se puxo en marcha en 2001, quere ser en Madrid "lugar de reflexión sobre o Camiño de Santiago e a diversa realidade que o fenómeno da Peregrinación creou". O Seminario abarca todos os ámbitos do coñecemento: historia, arte, xeografía, filosofía, lexislación, enxeñería, socioloxía? que poidan axudar no estudo e coñecemento do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela.

José Antonio Ortiz fixo a presentación do relator. Martín Ramiro, que conta con máis de 15 anos de experiencia no sector público, foi nomeado subdirector xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Fomento, cargo que compaxina coa docencia e a participación en diferentes seminarios, cursos e congresos.

O relator explicou que o 1,5% é a porcentaxe que a "Lei de Patrimonio Histórico establece como obrigatorio dos contratos de obras públicas para conservación,  enriquecemento do Patrimonio ou fomento da creatividade artística", desde 2013 (antes era un 1%). Na primavera convocouse un concurso polo ministerio de Fomento e en próximas datas expoñeranse en Compostela todos os proxectos que se presentaron. Dos aprobados, o relator destacou: dez intervencións que o ministerio ten previsto realizar en Galicia en 2017 e 2018. En primeiro lugar dentro do termo municipal coruñés de O Pino preténdese levar a cabo "a recuperación do núcleo tradicional de Ferreiros, que presenta valiosos exemplos de arquitectura popular galega e mantén unha trama viaria tradicional, con forma de améndoa, que merece ser recuperada". O segundo, "a reforma do xardín e do antigo edificio de correos de Arzúa, co obxecto de convertelo nun edificio cultural para o Concello". O terceiro en Melide, "a intervención para acondicionamento da contorna e restauración da ponte de Furelos, que debe resolver os evidentes problemas técnicos, construtivos e ambientais (pavimentos, instalacións urbanas, elementos de mobiliario, entre outros) que empobrecen este espazo". As seguintes intervencións son en municipios lucenses. En Palas de Rei, "as actuacións para realizar tratarían da recuperación e posta en valor da contorna da igrexa de San Xulián do Camiño".  En Monterroso, "o cruceiro de Os Lameiros que está datado en 1670, é un elemento de gran valor patrimonial e cultural galego. A súa contorna atópase na actualidade moi alterada, e por iso proponse para a execución dunha intervención de recuperación e posta en valor", explicou. En Portomarín, proponse recuperar "o trazado orixinal" por Castromaior cun dos maiores castros de Galicia, e evitar o risco dos peregrinos porque o Camiño agora transcorre paralelo á estrada nacional.

Ademais están a recuperación e posta en valor do núcleo rural tradicional de Pena, en Paradela; a recuperación da contorna da ponte medieval de Áspera, en Sarria; en Triacastela, preténdese levar a cabo a recuperación do núcleo tradicional de Balsa, que "presenta valiosos exemplos de arquitectura popular galega e mantén unha trama viaria lineal asociado ao Camiño de Santiago que merece ser recuperada"; e en Fonfría, en Piedrafita, a actuación expón a necesidade de "a adecuación urbana do núcleo". En total, máis de dous millóns de euros, (2.138.000 euros) para realizar estes proxectos, nos próximos dous anos.

O "Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos" celébrase durante toda a semana. Mañá martes, día 22, o orador será o xornalista e escritor especializado en temas madrileños, Javier Leralta, co título: "O patrimonio histórico e arquitectónico do Camiño urbano de Madrid. Unha mirada diferente ás igrexas, palacios, prazas, fontes e casas da capital".

O mércores, 23, o enxeñeiro e cartógrafo, xefe de Cartografía Temática do Instituto Xeográfico Nacional, Manuel Carbajo pronunciará "Cartografía dixital do Camiño de Santiago publicada polo Instituto Xeográfico Nacional".

Xoves, 24. A subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas CC. AA. do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Begoña Cerro Prada falará sobre, "O valor excepcional do Camiño de Santiago e o seu recoñecemento".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes