Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O catedrático Ortíz de Landáuri falou na Casa de Galicia das razóns do culto xacobeo no Codex Calixtinus

Na conferencia que pechou o Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Xacobeos de 2014
Madrid, 27 de novembro de 2014.

"As razóns do culto xacobeo no Codex Calixtinus: Unha traslatio avalada por 22 milagres" é o título da conferencia que Carlos Ortíz de Landáuri, profesor asociado xubilado da Universidade de Navarra, ofreceu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia. Con ela pechouse a décimo cuarta edición do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos que se desenvolveu ao longo da semana organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, que preside José Antonio Ortíz, quen acompañou e presentou o conferenciante.

José Antonio Ortíz subliñou a condición de catedrático de Filosofía de Instituto do conferenciante, "de cando as oposicións para a Cátedra de Filosofía en institutos eran máis duras que para a Universidade", de docente na Universidade de Navarra e de autor de varias publicacións de temática xacobea.

Ortíz de Landáuri explicou que o Codex Calixtinus se compón de cinco libros "que gardan unha profunda unidade tratando de xustificar as razóns que avalan o culto xacobeo" e que algúns deles "resultan narracións insostibles para un gran número de historiadores". Non obstante, indicou, "xurdiu un movemento iconológico de recuperación destas mal chamadas lendas para tratar de recuperar o contido histórico real que entón se lles outorgou".

Referiuse a testemuños gráficos e escritos da época cuxa comparación admite un nesgo novo. "Estes testemuños permiten avalar unha tradición de pensamento cristián que xa non se xustifica só nos 22 milagres documentados, senón que se remonta ás polémicas sobre o donatismo dos cristiáns mozárabes de Toledo, sobre o culto ás iconas no imperio Bizantino ou mesmo antes da polémica sobre a proximidade da parusía ou do fin do fin do mundo, que se recruaría no ano 1000, sinal de que durante todo este tempo estivera moi presente. Pódese seguir rexeitando estes argumentos pero xa non se pode negar que veñen avalados por unha ancestral tradición que se remonta aos principios do cristianismo", expuxo.

O Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos homenaxea o ilustre galego que lle dá nome, que foi fundador e primeiro presidente da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid. O Seminario, que abre as súas portas a todos os ámbitos do coñecemento, busca ser en Madrid un lugar de reflexión sobre o Camiño de Santiago e da Peregrinación.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes