Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O mundo dos duelos, analizado hoxe na Casa de Galicia polo escritor e profesor José María Peláez

Na conferencia "Os duelos, a esgrima e Valle-Inclán", impartida por este experto en armería antiga
Madrid, 15 de febreiro de 2017.

O mundo dos duelos, como conflitos armados entre contendentes pola defensa da honra, que está vinculado a ámbitos históricos, literarios, técnicos, sociolóxicos e legais, foi o tema da conferencia que impartiu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o experto en armería antiga, escritor e profesor xubilado da Universidade de Vigo José María Peláez Valle, "Os duelos, a esgrima e Valle-Inclán". Entre os duelistas aos que se referiu figurou de forma destacada o escritor galego Ramón del Valle-Inclán, que perdeu o brazo esquerdo nunha disputa sobre un duelo.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o conferenciante foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen lembrou que Peláez xa pronunciou nesta Casa outras dúas conferencias e presentou o libro "Héroes en el olvido", así como que tamén é autor da novela histórica "Honra y rebeldía" e das obras "Pequeña estatuaria de bronce", "Armería vasca de lujo en el século XIX", "Desafíos, Encuentros y Duelos de Honor. Historia, Armas y Regulamentos" e "El hombre de las muñecas".

"O noso conferenciante invitado é unha recoñecida autoridade en armería antiga, o que vén avalado polos seus moitos anos de docencia como profesor numerario de Enxeñería de Materiais e Metalurgia Histórica da Universidade de Vigo (está en posesión tamén do título de Enxeñeiro Europeo -Euroingeniero-, con acreditación de Bruxelas), así como polos seus traballos de investigación sobre metalurgia de obxectos de arte antigos, publicados no Consello Superior de Investigacións Científicas e outras importantes entidades, e os seus labores de asesoramento para museos e de experto para anticuarios e salas de poxa internacionais", observou.

O profesor Peláez explicou que a defensa da honra a través dos duelos produciuse ao longo da historia e que no século XIX chegan a constituír "unha auténtica epidemia social". O conferenciante referiuse á terminoloxía e as armas que se utilizaron nestes conflitos, nas que están comprendidas as técnicas de esgrima das armas brancas e o seu desenvolvemento no tempo, e proxectou fotografías de duelos a espada, sabre e pistola.

"Os protocolos fixan a elección de armas por parte do ofendido, atendendo á gravidade das confrontacións con distintos graos de obxectivos desde a limitación aos duelos ´a primeiro sangue´ ata os convidos a ´outrance´, eufemismo de orixe francesa que significaba hipócritamente duelos a matar, así como os detalles e condicións a cumprir por parte dos duelistas e intervenientes", explicou, precisando que "os duelos con armas de fogo evolucionaron desde o século XVIII, como alternativa á confrontación con armas brancas".

Segundo o conferenciante, "polos campos da honra desfilaron unha infinidade de personaxes famosos cuxa relación selectiva, por tratarse de personaxes relevantes, é moi interesante para avaliar a importancia social do fenómeno do duelo". Nese sentido sinalou como "imprescindible" o que considerou "o duelo máis famoso do século XIX, entre o Duque de Montpensier e Enrique de Borbón, cuxo resultado puido cambiar a historia de España", do que fixo unha análise en función das armas utilizadas, as actas orixinais do duelo, os feitos acaecidos, aspectos legais, proceso e condenas ao vencedor que acabaron coas pretensións de Montpensier ao trono. Tamén con detalle describiu o último duelo importante coñecido, o do Marqués de Cuevas e o bailarín Sergey Lifar en París, con fotografías de época nas que aparecen como padriños Jean Marie Lepen e o español José Luis de Villalonga.

Finalmente referiuse á vinculación, pouco coñecida, do escritor Ramón del Valle-Inclán co mundo da esgrima e a súa relación co mestre Pontanari en Santiago e Pontevedra. A conduta ulterior de Valle e o seu carácter foi analizado a través dos relatos de Baroja e outros personaxes contemporáneos, desvinculando "o seu interese anterior pola esgrima coa súa porterior intervención en episodios violentos, como o que lle fixo perder o seu brazo". O que ocorreu, segundo o relatado por Peláez, tivo máis que ver cunha disputa de taberna que terminou en golpes entre Valle-Inclán e o xornalista Manuel Bueno.

Un episodio do que consta o certificado do cirurxián que atendeu a Valle, Manuel Barragán y Bonet, lido por Jiménez na súa presentación, no que se dá conta da amputación do "brazo esquerdo polo seu terzo inferior a Don Ramón del Valle-Inclán, o día 12 do corrente a consecuencia dunha fractura con minuta con ferida dos ósos do antebrazo" expedido, para que puidese procederse á inhumación, o 14 de agosto de 1899.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes