Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Uxía Blanco explica a Vidal Bolaño nunha conferencia ofrecida na Casa de Galicia en Madrid, con ocasión do Día das letras galegas

Proxectáronse algunhas escenas do seu traballo en Sempre Xonxa e A lingua das bolboretas, nas que compartiron reparto
16 de maio de 2013

"Vidal Bolaño representa a dignidade do teatro galego", afirmou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a actriz galega Uxía Blanco nunha conferencia que ofreceu sobre Roberto Vidal Bolaño, actor e dramaturgo galego a quen lle está dedicado este ano o Día das Letras Galegas e con quen Blanco compartiu reparto nas películas Sempre Xonxa e A lingua das bolboretas, das que se proxectaron algunhas escenas que mostraron ao público o seu traballo.

Madrid, 16 de maio de 2013. - "Vidal Bolaño representa a dignidade do teatro galego", afirmou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a actriz galega Uxía Blanco nunha conferencia que ofreceu sobre Roberto Vidal Bolaño, actor e dramaturgo galego a quen lle está dedicado este ano o Día das Letras Galegas e con quen Blanco compartiu reparto nas películas Sempre Xonxa e A lingua das bolboretas, das que se proxectaron algunhas escenas que mostraron ao público o seu traballo.

Presentaron á conferenciante o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, os que se referiron tanto á biografía e obra de Vidal Bolaño como, tamén, á de Uxía Blanco. Ónega recordou que o Día das Letras Galegas foi instituído en 1963 pola Real Academia Galega, conmemorando o primeiro centenario da publicación en Vigo de Cantares Galegos, de Rosalía de Castro, para homenaxear os que destacaron na defensa da lingua galega. O delegado da Xunta afirmou así mesmo que Vidal Bolaño "foi un dos maiores artífices da profesionalización do teatro galego".

Blanco interveu en galego, atendendo ao carácter do acto, e teatralizó algúns textos de Rosalía de Castro, coa axuda de Enrique Albor, para xúbilo do público, que participou lendo un poema. Tamén resaltou o traballo de Vidal Bolaño como actor cunha selección de imaxes das películas nas que traballou con el.

Autor polifacético

A actriz situou a Roberto Vidal Bolaño, falecido hai dez anos, cando contaba con 52, no seu contexto histórico-social, definiulle como un "autor polifacético, próximo a Valle-Inclán" e recordou que como dramaturgo obtivo importantes recoñecementos pola súa obra, como os premios Abrente, Álvaro Cunqueiro e Rafael Dieste. Referiuse así mesmo á súa faceta como director de teatro, resaltando que foi fundador das compañías de teatro Antroido e Teatro do Aquí, e como escenógrafo, labor que exerceu co heterónimo de Julia Brens.

Blanco tamén se referiu a Vidal Bolaño como un dos pioneiros en temas audiovisuais, un autor monolingüe en galego e polémico, que sostivo que o Centro Dramático Galego ten que independendizarse da Xunta. "Une a experimentación coa tradición galega", foi un "desmitificador de Rosalía de Castro" e "as súas obras son políticas, de esquerdas, nacionalistas", mantivo a conferenciante. "Foi o meu compañeiro en dúas películas Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, a primeira longametraxe en galego, eA lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda", engadiu.

Uxía Blanco, licenciada en Xeografia e Historia pola Universidade de Santiago, traballou como actriz en máis de vinte películas (entre elas, A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda, Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Huidos de Sancho Gracia e Hotel Tívoli de Antón Reixa) e en series de televisión (Cóntame o que pasou, El Comisario, Hospital Central, Policias, Manolito Gafotas, El Makinavaja, Mareas Vivas, Ás viaxeiras da Lua, Padre Casares e Libro de Familia); presentou os programas de TVG Dezine e Planeta Cine; participou nos docudramas Flores Tristes e Entre ou Ceo e a Terra, ambos os dous de Manuel Abad, e nos espectáculos teatrais The Days Before de Robert Wilson, con Isabela Roselini, e Ollares de Perfil de Roberto Cordovani, realizando unha xira por Brasil.

Recibiu, entre outros, o Premio Agapi á Mellor Actriz por A lingua das bolboretas, o Premio do Público por Sempre Xonxa e o Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa de Televisión por Dezine. Tamén escribiu varios guións de cine e obtido premios nunha das súas principais afeccións, a pintura.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes