Manuel María: "Poeta sinfónico"

O escritor lucense José Antonio Cascudo foi o encargado de glosar a vida e a obra do laureado poeta na Casa de Galicia para conmemorar o Día das Letras
Madrid, 17 de maio de 2016

"Poeta sinfónico", foi a cualificación coa que o conferenciante e escritor José Antonio Cascudo definiu a Manuel María, por, "a variedade das súas propostas literarias", dixo no relatorio "Manuel María: poesía, paisaxe e tradición", que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas. Ademais profundou no proceso de creación do poeta, guiado ao seu xuízo, por "unha perspectiva ecolóxica, unha filosofía do traballo análoga á dos labradores chairegos, que aproveitaban ao máximo os recursos que a súa contorna máis inmediata lles proporcionaba".

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, e lembrou nas súas palabras a orixe desta celebración. "Como saben", sinalou Jiménez, "a razón de que o día das Letras Galegas sexa o 17 de maio débese a que nesa data de 1863 publicouse, en Vigo, o primeiro exemplar da obra Cantares galegos, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do Rexurgimiento ou renacemento cultural do galego. Esta celebración do 17 de maio foi instituída en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear aquelas persoas que destacaran pola súa creación literaria en idioma galego ou pola sua defensa da devandita lingua".  Este ano está dedicado ao lucense Manuel María, "poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega".

Pola súa banda, José Antonio Cascudo, chairego, natural de Guitiriz, licenciado en Historia del Arte e Comunicación Audiovisual, ofreceu unha completa e ampla exposición da vida e a obra de Manuel María, tamén con variado material gráfico.

Cascudo destacou "a autoridade moral que suscita o nome de Manuel María polo seu compromiso inquebrantable coa súa lingua e a súa xente, e o seu esforzo constante para construír a identidade dun suxeito colectivo chamado Galicia". Sinalou ademais que "As paisaxes da súa infancia e a tradición oral sustentan unha obra que non permaneceu recluída nas bibliotecas senón que serviu -e serve- de fonte de inspiración para outras disciplinas artísticas como o teatro ou a música".

Para o orador, que na actualidade traballa nunha tese no Departamento de Filosofía moral e Antropoloxía social da USC sobre a serie televisiva Mad Men, "a poesía de Manuel María resiste como acto comunicativo e como correa de transmisión do coñecemento. Por isto a súa obra apélanos máis aló do pracer estético da lectura para buscar a interpretación, a reconstrución dun pasado común, non tan afastado, nuns versos nos que aínda é posible escoitar o eco do tempo".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes