A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia celebra o Día das Letras Galegas coa proxección do documental "Reivindicando a María Victoria Moreno"

Producido por Millo Filmes e TVG, sobre a escritora á que está dedicada este ano a conmemoración
Madrid, 17 de maio de 2018.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia celebrou hoxe o Día das Letras Galegas coa proxección do documental "Reivindicando a María Victoria Moreno", escritora a quen lle está dedicada a conmemoración este ano. O documental foi producido por Millo Filmes e TVG e antes da súa proxección foi presentado polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, e pola licenciada en Historia da arte Melodi Parga Otero, membro do equipo da produtora, quen tamén respondeu a preguntas que se lle expuxeron por parte do público no coloquio posterior. Acompañou á proxección do documental unha exposición de dez paneis informativos sobre a vida e obra de María Victoria Moreno elaborados pola Xunta de Galicia.

O documental presenta á figura de María Victoria Moreno a través das voces de quen a coñeceu e a incorporación de materiais de arquivo, desde programas de televisión a fotos persoais, que presentan unha vida dedicada á docencia e a literatura galega, a creación de novos lectores e tamén de novos escritores.

Ónega lembrou que "a razón de que o Día das Letras Galegas sexa o 17 de maio débese a que nesa data de 1863 publicouse, en Vigo, o primeiro exemplar da obra ´Cantares gallegos´, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do ´ Rexurdimento´ ou renacemento cultural do galego. Esta celebración do 17 de maio foi instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou polo seu defensa da citada lingua".

"María Victoria Moreno, naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres), en 1939, filla dunha malagueña e un toledano. Fixo o bacharelato en Barcelona e licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Madrid. Tras dous anos en Lugo e unha tempada en Vilalonga (Sanxenxo), chegou a Pontevedra en 1963, onde foi profesora e logo catedrática no IES (Instituto de Educación Secundaria) Vale-Inclán e no IES Gonzalo Torrente Ballester. Participou activamente na vida cultural e política de Pontevedra. A súa fascinación desde moi nova por Galicia e pola súa lingua provocaron nela unha entrega absoluta á defensa e promoción do galego", sinalou, resaltando que é "autora de importantes relatos infantís e xuvenís, como ´ Anagnórise´, ´Mar adiante ou guedellas de seda e liño´.

"Contribuíu -en palabras de Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey-, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras", sinalou o delegado da Xunta.

Parga referiuse ao documental, ás súas características e responsables técnicos, e explicou que entre quen participa nel están os familiares máis directos de María Victoria Moreno, como o seu viúvo, Pedro Ferriol, e a súa filla Begoña Llácer Moreno, ademais de amigos moi próximos, biógrafos e expertos como Xavier Senín, Fina Casalderrey, Os Titos, Isabel Soto, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Montse Pena Presas, David Otero ou Antonio García Teijeiro, así como exalumnas e compañeiras de traballo no IES Torrente Ballester.

"O noso obxectivo fundamental era elaborar un documental didáctico destinado á cidadanía en xeral, no que as voces dos participantes ofrecesen información concreta sobre María Vitoria. Este material está complementado con material de arquivo no que podemos vela na pantalla, rescatar a súa imaxe, conectar coa persoa e entender así mellor a súa psicoloxía e a súa vida dedicada á docencia e a literatura galega", explicou. Lembrou así mesmo que Millo Filmes "é unha produtora galega que naceu fai oito anos, desde entón una das súas actividades máis importantes foi a realización de documentais sobre os autores aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas".

 

Ficha técnica do documental "Reivindicando a María Vitoria Moreno"

Documental / 2018/ 35 min / HD I TVG e Millo Filmes / Guión, dirección, produción e montaxe: Gonzalo E. Veloso / Produción executiva: Gonzalo E. Veloso, Fran Naveira e Santiago Teijelo Vázquez / Produción asociada: Editorial Galaxia / Son directo: Fran Naveira / Fotografa e etalonaxe: Santago Teijelo Vázquez / Postprodución de son: Manuel Rega / Documentación: Melodi Parga Otero / Asesoría legal e administración: Sandra Expósito García.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes