Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Feijóo salienta a contribución dos galegos en Madrid a crear un foco de proxección da nosa comunidade desde a capital de España

O presidente da Xunta participou esta tarde na celebración do Día de Galicia en Madrid, que contou coa presenza da S.A.R. Dona Elena de Borbón
Madrid, 10 de xullo de 2014

§  "Sodes galegos que aproveitan o dinamismo e a visibilidade de Madrid en beneficio da cultura, da economía e do turismo da nosa Comunidade", remarca

§  Destaca o xeito galego de entender as identidades "como suma e non como conflito", unha fórmula  que "sempre nos resultou cómoda e que se demostrou de enorme utilidade ao longo do tempo"

§  Lembra os 79 falecidos no accidente de Angrois, aos que temos a obriga de honrar "con memoria e con xustiza" e cuxa lembranza "forma parte para sempre da tradición do Día de Galicia"

§  Remarca a entrega da Casa Real con Galicia tras o sinistro e asegura que nesta nova etapa a Coroa seguirá a ser para a Comunidade "un referente e un apoio nos bos e nos malos momentos"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a contribución dos galegos en Madrid a crear un foco de proxección da nosa Comunidade desde a capital de España. "Sodes galegos que aproveitan o dinamismo e a visibilidade da capital de España en beneficio da cultura, da economía e do turismo da nosa Comunidade. Sodes, para Galicia, representantes que abren portas e tecen relacións. E sodes creadores dun escaparate que nos mostra ao resto do país e do mundo", remarcou.

Na súa intervención durante a celebración do Día de Galicia en Madrid, que contou coa presenza da S.A.R. Dona Elena de Borbón, o titular da Xunta destacou que os galegos afincados en Madrid son "exemplo emblemático" dunha forma de entender as identidades "como suma e non como conflito", unha fórmula –dixo- que "sempre nos resultou cómoda e que se demostrou de enorme utilidade ao longo do tempo".

Segundo subliñou o presidente da Xunta, os galegos saben que "é bo non camiñar solos"  e por iso cada un dos nosos paisanos que sae se converte "nun diplomático anónimo" que contribúe á amizade entre a súa terra e o novo destino, o que fai que Galicia sexa "moito máis que unha realidade xeograficamente acotada".  A ese respecto, afirmou que os galegos teñen unha habilidade especial para conxugar "a militancia no propio coa participación activa no alleo", tal e como demostraron en Arxentina, en Uruguai, en Venezuela, en Cuba ou en México, países que, engadiu, "hoxe son os nosos irmáns".

O mandatario autonómico apuntou que o proceso polo que Galicia teña a súa casa en Madrid é algo "máis sinxelo e natural", posto que "ser galego é unha das varias formas que existen de ser español" e semella lóxico que "Galicia participe da arquitectura social da capital de España".

Sinalou que nun escenario cada vez máis globalizado, resulta "imprescindible" para Galicia contar cun foco de proxección desde a capital de España, e de aí que a Casa de Galicia en Madrid recoñeza cada ano o labor de persoas que contribúen a facelo máis potente. Así, Feijóo agradeceu a Antonio Bonet Correa, presidente da Real Academia de Belas Artes San Fernando; a Carlos Negreira, alcalde da Coruña; a Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso; a Joaquín García Díez, deputado no Congreso; a Pilar Rojo, presidenta do Parlamento galego; a María Castro, actriz; a Miguel Carballeda Piñeiro, presidente da Fundación ONCE; a Miguel Ángel Villar Mir, presidente de OHL; e a Tomasz Arabski, embaixador de Polonia en España,  a súa implicación "no proxecto que busca consolidar Galicia como unha realidade expansiva".

O presidente galego afirmou que a nosa Comunidade seguirá a avanzar coa confianza de que terá sempre eses leais apoios, e sabendo, tamén, que na nova etapa aberta na democracia española, continuará a contar coas máis altas institucións do Estado. Dese xeito, agradeceu a cercanía da Casa Real con Galicia tras o accidente ferroviario de Angrois, cando a Coroa se entregou no consolo ás vítimas, e afirmou que seguirá a ser para Galicia "un referente e un apoio nos bos e nos malos momentos".

 

Lembranza dos falecidos no accidente de Angrois

O presidente da Xunta lembrou no seu discurso ás 79 vítimas do sinistro, cuxa memoria, afirmou, "forma parte para sempre da tradición do Día de Galicia" e ás que temos a obriga de "honrar con memoria e con xustiza".

Xunto con isto,  Feijóo puxo en labor a xesta colectiva realizada polos galegos na noite do 24 de xullo de 2013, desde os veciños que socorreron aos feridos, ata os centos de cidadáns que acudiron a doar sangue e desbordaron en poucas horas a capacidade do Centro de Transfusión de Galicia, pasando polos profesionais dos servizos de emerxencia, de seguridade e da sanidade, que, sinalou, "foron, no seu titánico esforzo, moitísimo máis alá do que collería agardar duns traballadores responsables".

Para o mandatario galego, o Día de Galicia é agora algo distinto pero segue a ser unha data sinalada para unirse na lembranza, na reflexión e na satisfacción por pertencer a un pobo como o galego: "un pobo que se retrata tanto nos trunfos como nos reveses e que en todos eles sente a grandeza de integrar unha realidade máis ampla, unha nación plural que sofre en conxunto a dolor de cada parte", aseverou.

 

Balance da actividade da Casa de Galicia

Pola súa banda, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, informou da actividade realizada pola institución no primeiro semestre do ano, en que se celebraron 182 actos relacionados cos ámbitos cultural, económico, social e administrativo. Así mesmo, sinalou que neste tempo a Casa de Galicia recibiu a visita de 7.205 persoas, celebrou dúas exposicións de pintura por mes e vinte empresas e firmas solicitaron as dependencias para dar a coñecer e difundir os seus produtos.

Ónega destacou, xunto con isto, o incremento da actividade da Oficina de Rexistro e Atención ao Cidadán, a destacada xestión da Oficina de Turismo que diariamente atende numerosas demandas de información e o "excelente labor" da Aula de lingua galega que imparte clases na Casa de Galicia.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes