Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Secretaría Xeral da Emigración felicitou a FAGAMA pola defensa da lingua no Día das Letras

Ao acto, que se celebrou na Delegación da Xunta en Madrid, acudiron máis dun centenar de persoas
Madrid, 20 de maio de 2019.-

A Secretaría Xeral da Emigración felicitou esta mañá os centros e asociacións galegas con sede na capital de España pola defensa e a firme aposta que fan desde hai décadas pola preservación e difusión da nosa lingua durante un acto organizado pola Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA), que tivo lugar na Casa de Galicia madrileña, e á que asistiron o director de esta entidade, José Ramón Ónega López, e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño, quen quixo agradecer o seu labor aos asistentes a esta celebración do Día das Letras Galegas.

Casas Calviño aproveitou a ocasión para lembrar que o autor homenaxeado este ano, Antón Fraguas, estivo a piques de converterse tamén nun emigrante, neste caso do Brasil, onde os seus pais planeaban mudarse. "O seu talento e a promesa dun futuro prometedor en Galicia impediron que finalmente marchara coa súa familia a Nitteroi, lugar no que o seu proxenitor xa vivira e traballara varios anos antes de regresar ao seu Cotobade natal. Pero a lección quedou no pequeno Antón, e el devolveuna décadas máis tarde en forma de frase que pasou á historia, de onde non se vai mover: "Ser galeguista non é mais que ser amante da nosa terra". Nin ser galeguista nin ser galego depende en absoluto de ideoloxías, formas de ser ou nacionalidades. María Victoria Moreno, a quen se lle dedicou o recoñecemento en 2018, aportou a nosa terra tanto como Castelao aportou á Arxentina ou Antón Fraguas poido ter aportado ao Brasil, e como tantos intelectuais deron a Madrid".

O delegado da Xunta na capital española e director da entidade, José Ramón Ónega López, pola súa banda, destacou a fidelidade que Fagama profesa á celebración das Letras Galegas, que conmemora puntualmente cada ano sumándose á difusión da figura homenaxeada e, ao tempo, fortalecendo a unión das entidades galegas en Madrid. Este ano, ademais, Ónega entregou catro Diplomas de recoñecemento de méritos por parte da Casa de Galicia a outros tantos membros da Federación: Fernando Gómez Rodríguez, vicepresidente de Xuntanza de Galegos en Alcobendas e secretario de Fagama; José Díaz Muiña, José Carracedo Pousada e Teodoro Basanta Cabanas, directivos de Xuntanza de Galegos en Alcobendas.

Conferencias e música para honrar o antropólogo

O programa de actividades incluíu a conferencia sobre a figura do antropólogo e escritor de Cotobade que impartíu o seu biógafo e membro da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Clodio González, e actuación que ofreceu o cantautor ourensán Emilio Rúa, e rematou cun xantar no restaurante Real Hípica de Griñón.

Na Comunidad de Madrid residen actualmente 78.201 galegos, dos que 26.841 proceden da provincia da Coruña, 15.527 da de Lugo, 15.501 da de Ourense e 20.332 da de Pontevedra. Pola contra, Galicia acubilla 23.293 residentes madrileños, dos que 10.410 fano na provincia da Coruña, 2.920 na de Lugo, 2.209 na de Ourense e 7.754 na de Pontevedra. Estas cifras, publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019, poñen de releve a imprescindible e estreita relación que manteñen historicamente ambas comunidades autónomas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes