Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia acolleu o estrea do documental "Celso Emilio Ferreiro, o poeta da vida", de Aser Álvarez

Recollido no DVD "102 Testemuños de anivesario", homenaxe ao poeta de Celanova
Madrid, 29 de maio de 2014

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe a estrea da curtametraxe documental "Celso Emilio Ferreiro, o poeta da vida", dirixida por Aser Álvarez, e recollida no DVD "102 Testemuños de aniversario", coordinada por Plácido Romero. Presentárono o seu director, o xornalista galego Carlos G. Reigosa e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen saudou os asistentes en nome do delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega. Entre os asistentes estaban o escritor Sabino Torres e o escultor Leiro.

Jiménez recordou que se celebrou recentemente o centenario do nacemento, "en 1912 deste gran poeta galego, de Celanova, provincia de Ourense, que faleceu en Vigo en 1979,". "De Celso Emilio Ferreiro díxose que foi un poeta eminentemente social que xamais se deixou levar pola facilidade do seu verbo, un poeta social dunha grande hondura tráxica", sinalou, indicando que escribiu en lingua galega e castelá, e na súa creación en galego destaca "Longa noite de pedra" (1962) e "Onde ou mundo se chama Celanova" (1975), pola que recibiu en 1976 o Premio da Crítica. Tamén presentou o seu director, Aser Álvarez, cun resumo da súa biografía.

Aser Álvarez apreciou que que con este acto Celso Emilio Ferreiro volvía dalgunha forma a Madrid 35 anos despois de vivir na cidade, entre 1972 e 1979, período no que exerceu como gran dinamizador cultural dende o Ateneo. Tamén informou de que o DVD que contén a curtametraxe que se proxectou tivo cen horas de rodaxe que quedaron condensadas nunha hora e que foron realizadas para conmemorar o centenario do poeta.

Carlos G. Reigosa centrou a súa intervención na importancia que para Celso Emilio Ferreiro tivo a súa etapa en Madrid, da que dixo que é pouco coñecida e se produciu de forma forzada, despois de que tras a súa estanza en Caracas non encontrase traballo en Galicia, pero finalmente resultou moi feliz, segundo el mesmo recoñeceu. Nesta época foi cando Reigosa, sendo estudante, coñeceu persoalmente o poeta, do que dixo que se encontrou arroupado por moitos galegos que residían na cidade e que lle sorprendía verse rodeado de mozos que se interesaban por el. Apreciou tamén que morreu desencantado coa realidade.

O DVD contou co apoio da Secretaria Xeral de Emigración de Galicia, cuxo titular, Antonio Rodríguez Miranda, non puido finalmente asistir á proxección, como tiña previsto. O coordinador do DVD, Plácido Romero, tamén se vió obrigado a escusar a súa ausencia.

"102 Testemuños de aniversario", recolle opinións de destacados personaxes da cultura sobre Celso Emilio Ferreiro. O DVD inclúe o documental titulado "100%CEF", así mesmo de Aser Álvarez, a súa ópera prima como director, produtor executivo e guionista, protagonizado por Luís Tosar, que obtivo o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental, o Premio Xosé Aurelio Carracedo de Periodismo e o Premio Especial do Xurado no Festival Internacional de Cine Documental de Bucarest, unha version de media hora subtitulada "CEF, o poeta da vida", unha curtametraxe artística e unha videocreación. Está prevista a súa proxección en centros do Instituto Cervantes e centros galegos de Europa e América.

Aser Álvarez, natural de Bande (Ourense), é licenciado en Ciencias Políticas e Periodismo, Máster en Periodismo e especialista en Comunicación Audiovisual. Traballou como redactor e guionista en TVG, na cadea SER e colaborou con numerosos medios de prensa, como El País, La Voz de Galicia ou o Faro de Vigo. Actualmente é técnico de comunicación dunha asociación empresarial e dirixe as revistas Arraianos e CompHostelería. Tamén é autor de guías e traballos audiovisuais sobre o Camiño de Santiago e do libro Historias de Radio Galicia.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes