Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia acolleu a proxección do documental "Digna rabia" , sobre a vida das mulleres galegas durante o franquismo

Dirixido pola investigadora e o profesor da Universidade de Vigo María Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo
Madrid, 26 de marzo de 2014

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu esta tarde a proxección do documental "Digna rabia", con testemuños sobre a vida das mulleres galegas durante o período franquista, dirixido por María Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo, investigadora e profesor da Universidade de Vigo, respectivamente.

O documental foi presentado por Rodríguez Gallardo se ben no acto tamén estivo Martins Rodríguez, cuxa presenza non puido confirmase ata o último momento. Ao profesor acompañouno na mesa da presentación a coordinadora de Actividades Económicas da Casa, Ana Rodríguez Barrena, que presentou aos autores e adiantou que a obra que se presentaba é un relato coral de mulleres galegas de distintas xeracións que reflexionan sobre o impacto que tivo o franquismo nas súas vidas.

Antes do visionado, Rodríguez Gallardo explicou que o documental se presentou en 2011 despois dun ano de traballo de documentación, entrevistas e montaxe e resaltou que está  rodado en galego, español, éuscaro e catalán, dando prioridade á lingua na que máis cómoda se sentían as mulleres. Ademais, está subtitulado nesas mesmas linguas e en inglés, francés e alemán.

" ´ Digna rabia ´ é un documental en clave feminina, un relato coral de mulleres que contan cal foi a influencia do franquismo nas súas vidas, como se enfrontaron con el, como sobreviviron, onde traballaron, como optaron por introducir dinámicas de resposta á desigualdade permanente que padecían. É un documental aberto dende o punto de vista ideolóxico, porque aínda que é un documental de autores -a perspectiva é a nosa -, deixamos que interveñan mulleres de diferentes ideoloxías e de diferente espectro ideolóxico", observou Rodríguez Gallardo.

Tamén resaltou que é o primeiro documental con estas características que se fixo no Estado español e seguramente no mundo, "porque ata agora non se abordara unha historia do século XX en clave de xénero". "É un documental sobre a historia das mulleres galegas no franquismo, pero podería valer para entender a historia das mulleres en moitas outras partes do mundo", sinalou.

O documental está estructurado en tres tempos: posguerra, anos 50 e anos 60/70, pero, apreciou Rodríguez Gallardo "a pesar de ter unha clara perspectiva histórica conta cunha relación evidente cos problemas actuais da sociedade contemporánea, así que se poden extraer conclusións para o funcionamento desigual que aínda existe na nosa vida diaria, laboral e política entre homes e mulleres".

O labor de documentación é moi significativo no documental: hai material de moitos arquivos tanto institucionais coma privados. Hai moitas imaxes inéditas procedentes de NO-DO, que moitas xeracións de españolas e de galegas xamais visionado, e que se fusionan coas gravacións dos autores e con material filmográfico que encontraron en arquivos privados e familiares.

Tras a proxección, Martins Rodríguez e Rodríguez Gallardo participaron nun amplo coloquio sobre o contido do documental co público que asistiu ao acto.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes