A Casa de Galicia, escenario dun encontro entre o embaixador de China e directivos e membros da asociación Cátedra China

Os membros da asociación deron a coñecer a súa actividade e proxectos ao embaixador
Madrid, 28 de xaneiro 2016.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia foi hoxe escenario dun encontro entre o embaixador da República Popular China en España, Lyu Fan, e destacados membros do Claustro Senior da asociación española Cátedra Chinesa, entre eles o seu presidente, Marcelo Muñoz Álvarez, e o seu vicepresidente, o coruñés Víctor Cortizo Rodríguez. O encontro contou coa presenza do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, anfitrión do acto, e de diversos cargos da Embaixada chinesa, entre outros.

Ónega abriu o acto cun saúdo inicial e seguíronlle no uso da palabra o presidente de Cátedra Chinesa e decano dos empresarios españois en China, Marcelo Muñoz Álvarez, e o embaixador Lyu Fan, así como un grupo de membros do Claustro Senior, aos que deu paso o vicepresidente da asociación e avogado coruñés Víctor Cortizo, consultor de mercado chinés.

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid resaltou a amizade e o afecto que unen a España e China así como o intenso comercio que a nutrida colonia chinesa afincada en España desenvolve no país e especialmente en Madrid. “No noso país, a presenza da produción chinesa, dos seus produtos e manufacturas, da súa intensa actividade industrial, causa admiración”, afirmou, á vez que felicitaba Cátedra Chinesa polo labor que realiza.

Muñoz adiantou que o acto se desenvolvería a modo dunha conversación entre amigos “para explicar quen somos e que pretendemos” pois, afirmou, teñen proxectos ambiciosos, tanto como asociación como, a nivel persoal, dos seus asociados. O obxectivo da asociación, dixo, “é romper o muro informativo que hai en España ao redor de China”.

O embaixador Lyu Fan tamén se referiu á amizade hispano-chinesa e encomiou o labor da asociación para dar a coñecer á sociedade española a realidade de China en todos os ámbitos. “É unha importante xanela a través da cal a sociedade española coñece cada vez máis a China de forma obxectiva”, mantivo antes de facer algunhas referencias ao momento que vive China tanto no ámbito interno como no internacional.

Pola súa banda Cortizo, que deu paso ás intervencións dos distintos profesionais da asociación que presentaron a súa actividade e proxectos ao embaixador, apreciou similitudes entre as sociedades galegas e chinesas: ambas coñecen a emigración, saíron a traballar a moitos países e neles crearon comunidades que manteñen as súas raíces.

Cátedra Chinesa é unha asociación formada por expertos en relacións hispano-chinesas, cuxo obxectivo é favorecer as relacións entre ambas as nacións. Os seus membros teñen unha dilatada experiencia en todos os ámbitos das relacións entre ambos os países: empresarial, institucional, académico, xurídico, etc.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes