As organizacións de empresarios galegos Cofer e Aegama celebran un encontro na Casa de Galicia en Madrid

Co obxectivo de promocionar as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal
Madrid, 14 de xaneiro 2016.

A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), en colaboración coa Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), celebrou esta tarde na delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia un encontro empresarial de promoción das tres comarcas que axunta Cofer, ao que asistiron numerosos empresarios membros de ambas as organizacións. O obxectivo foi presentar as oportunidades para a implantación empresarial que ofrecen esas comarcas ao empresariado galego en Madrid, en especial as que se refiren a alicerces básicos das súas economías -porto, industria, turismo, estratexias de promoción económica, sector naval e industria enerxética-, os incentivos públicos e as políticas de dinamización económica.

Interviñeron no acto o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o presidente da Confederación Empresarial de Madrid (Ceim), Juan Pablo Lázaro Montero de Espinosa, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez Fernández, o presidente de Aegama, Julio Lage González, o presidente de Cofer, Cristóbal Dobarro Gómez, a directora da Oficina do Plan de Reindustrialización de Ferrolterra, Natalia Barros Sánchez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño Anca.

José Ramón Ónega, en tanto que anfitrión, deu a benvida aos asistentes e aos promotores do acto, aos que desexo éxito no seu labor. Ónega destacou a importancia de que os empresarios fomenten o desenvolvemento económico e agradeceu a presenza na Casa do "eco singular e sinalado dunha das comarcas máis destacada de Galicia", afirmando que Ferrol é unha comarca distinguida non só polas súas belezas naturais senón tamén polo talante "dun pobo traballador, esforzado e próspero".

Lázaro explicou que Ceim é unha patronal aberta, formada por empresarios de todo o territorio nacional e na que "os empresarios galegos teñen unha presenza grande". Puxo á súa organización a disposición dos emprendedores e valorou que "estamos nun momento de cambio estrutural e todo o que sexa crear riqueza é importante".

O alcalde de Ferrol, que actuou como introductor dos participantes e interveu clausurando o acto, falou das posibilidades que ten a administración local para crear emprego e referiuse a algunhas das iniciativas postas en marcha en Ferrol, como programas para o emprego, cursos de formación e axudas a emprendedores. O alcalde referiuse ao encontro como un síntoma "de que os que estamos aquí presentes ou representados temos a vontade e a determinación de remar na mesma dirección".

Lage tamén deu a benvida aos asistentes e en especial a quen se desprazou desde Galicia para explicar aos membros da súa organización as vantaxes de investir e facer negocios no ámbito xeográfico que abarca Cofer e agradeceu a Ónega "a súa disposición para manterse atento ás necesidades do mundo empresarial galego".

Dobarro achegou detalles sobre a estrutura económica das comarcas e os sectores e elementos determinantes na súa economía: naval, infraestruturas portuarias e loxísticas, eólica e outras enerxías alternativas, turismo e sector gasístico, entre outros. Segundo o presidente de Cofer, todos eles ofrecen oportunidades para os empresarios. "Temos todos os elementos e a contorna é o adecuado para investir. Está preparado e nós dispostos a ofrecervos toda a nosa colaboración para sacar adiante a vosa iniciativa", afirmou.

Barros falou dos incentivos económicos que, tanto desde a Administración autonómica como central, ofrécense para a creación e modernización de empresas e o fomento das exportacións na zona. Trátase do denominado Plan de Reindustrialización ou Plan Ferrol que ten como obxectivo "dotar ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento e diversificación do tecido industrial, para xerar emprego e converxer nos ritmos de crecemento doutras zonas de Galicia, mesmo de España". A directora da Oficina do Plan Ferrol asegurou que estas comarcas "son unha prioridade para a Xunta de Galicia" que prevé "actuacións coordinadas polo Plan Ferrol e a través dos programas incardinados na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia e actuacións en colaboración co Ministerio de Industria".

Pola súa banda, Vilariño referiuse ás instalacións do porto de Ferrol-San Cibrao e fixo unhas reflexións sobre por que Ferrol é unha gran oportunidade para a loxística marítima internacional das empresas de Madrid. Resaltou que en datos de tráficos do ano 2015 as cifras de Ferrol son moi boas e que se espera que pronto poida entrar en servizo a terminal de colectores do porto exterior, operada por FCT (Ferrol Container Terminal), e que o tráfico de cruceiros segue crecendo con moi boas previsións.

O acto finalizou ofrecendo aos asistentes un tempo para establer contactos empresariais e buscar oportunidades de negocio (networking).

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes