"Paisaxes galegas", antolóxica do pintor José Leyra Domínguez, na Casa de Galicia en Madrid no mes de marzo

A mostra, que ocupa as Salas A e L da Delegación da Xunta en Madrid, rende homenaxe ao que fose destacado intelectual ferrolán no pasado século
Madrid, 5 de marzo de 2019.-

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle durante o mes de marzo a exposición antolóxica de pintura, "PAISAXES GALEGAS", do destacado intelectual de Ferrol José Leyra Domínguez, (1912-1997). A mostra compóñena unha coidada selección das súas obras máis representativas, de temática esencialmente paisaxística, nas que Leyra plasmou a súa persoal visión da súa contorna e que reflectiu idealizada, especialmente as frondosas fragas e os densos soutos, cunha paleta rica en cores e predominio dos característicos verdes que resaltan grazas ao coidado tratamento da luz; sen esquecer as mariñas das costas ferrolás: Valdoviño, San Xurxo, Cobas ou Doniños.

No acto de inauguración participaron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega-; e Santiago Leyra Curiá, doutor en Dereito Eclesiástico do Estado pola Complutense, neto do artista e organizador da mostra. Acudiu tamén Ángel María Leyra Faraldo, fillo do pintor, autor do prólogo do catálogo elaborado para a ocasión e que se mostrou moi satisfeito pola antolóxica/homenaxe ao seu pai.

Para Jiménez, "José Leyra foi un gran paisaxista que reflectiu a natureza tal e como a vía, con sinceridade e optimismo, que sabía escoller os motivos aproveitando as luces para plasmalos acto seguido no lenzo con destreza" e citando o prólogo do catálogo sinalou que Leyra Faraldo, "sitúa con precisión ao pintor no lugar que lle corresponde dentro do mundo de paisaxistas ao que pertence, no que comparte estirpe, desde Patinir, con nomes tan senlleiros como Felipe Bello Piñeiro, Lloréns ou Pérez Villaamil".

Pola súa banda Leyra Curiá explicou que a orixe da exposición xurdiu polo bo recordo que garda do seu avó, co que, a pesar de ser o pequeno dos seus doce netos, puido compartir con el moitos momentos na súa casa de Ares nos veráns da súa adolescencia. "Aínda que son o que menos tempo o coñeceu, sintonicei moito coa súa forma de ser e puiden escoitarlle moitos recordos da súa interesante vida", dixo. "Transmitiume o seu amor á súa terra galega, a súa insaciable curiosidade intelectual e o seu aprecio pola verdade, así como o seu carácter politicamente incorrecto nas diversas etapas da súa vida". Durante aquelas longas conversacións estivais sempre lle falou con nostalxia dos anos trinta, nos que pasou algúns cursos en Madrid preparando oposicións para inspector de aduanas. "Un dos seus recordos máis queridos eran as súas frecuentes visitas ao museo do Prado, polo que supoño que lle alegrará especialmente ver desde a outra vida a inauguración desta exposición sobre a súa obra en edificio tan próximo á maior pinacoteca de España", sinalou, e achegou algúns datos da biografía do seu avó.

José Leyra Domínguez, era o menor de sete irmáns, perdeu á súa nai con só un ano de idade e foi adoptado por uns tíos sen fillos, que ademais de agarimo, ao ser único, puideron pagarlle os estudos e permitíronlle chegar a ser universitario. "Sempre falaría con moito agradecemento da gran bondade e relixiosidade da súa nai Isabel e da honradez do seu pai Antonio", destacou o neto.

A exposición compóñena unha trintena de cadros, dos máis de 3.000 que pintou, nos que recrea case exclusivamente paisaxes galegas, os mesmas que lle devolveron a fe, tal e como lembrou o neto, citando as súas memorias. "A exuberante e variada beleza da natureza galega devolvéralle –xunto ao exemplo da súa nai- a súa fe en Deus, do que lle afastaban as súas ideas políticas e a lectura dalgúns filósofos ateos na mocidade". Ata ese punto foi importante na súa vida, "a contemplación do mar, dos ríos, dos bosques que tan ben reflectiu nos seus cadros. Quizais por iso San Francisco de Asís era un personaxe histórico que lle causaba tanta admiración".

"Xunto ao amor que profesou durante toda a súa vida a Galicia e á cultura galega", engadiu ademais que "José Leyra Domínguez sentiuse toda a súa vida español, europeo e cidadán do mundo. Gozou moito da lectura de obras da literatura universal; aprendeu francés, inglés e alemán; tivo a sorte de pasar, xa xubilado, uns días xunto á súa muller Josefina en París e en Roma". Para Leyra Curiá, o seu avó "soubo compaxinar admirablemente, como a inmensa maioría dos galegos, o seu amor á terra e o seu aprecio á nai patria, respetando e admirando as boas obras de tantas persoas de tantos lugares e de diferentes países. Creo que podo dicir sen esaxeración que foi un galego universal, non porque sexa mundialmente coñecido senón pola súa capacidade de apreciar e valorar as cousas boas de todo o mundo".

José Leyra Domínguez, ademais de prolífico pintor foi un comprometido intelectual, escritor, xornalista, profesor mercantil, licenciado en Dereito, conferenciante, membro da Real Academia Galega e fundador da Asociación de Artistas Ferroláns, entre outras moitas cousas.

A mostra antolóxica "PAISAXES GALEGAS" de Leyra Domínguez poderá visitarse nas Salas A e L da Casa de Galicia ata o 29 de marzo en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes