Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"HAI MULLERES", esculturas e cadros cerámicos de Otero Regal na delegación da Xunta en Madrid durante o mes de marzo

O artista lucense expón a mostra como homenaxe ao mundo matriacal galego do que procede, "mulleres sempre cheas de forza e vitalidade"
Madrid, 3 de marzo de 2020

A exposición"HAI MULLERES" xurdiu como unha homenaxe ao mundo da muller, e son esculturas e cadros cerámicos do artista lucense Alfonso Otero Regal, quen expón a mostra como homenaxe ao mundo matriacal galego do que procede, "mulleres sempre cheas de forza e vitalidade". O xerme da mostra é o libro do mesmo título escrito por 48 autores no que cada un deles aporta un poema sobre a muller que máis marcou a súa vida, e que Otero Regal editou e ilustrou, axuntando literatura e artes plásticas.

As obras de Otero Regal, (artista plástico, creador de cerámica, escultor, muralista, ilustrador, escritor, xornalista, enólogo, e outras moitas facetas culturais que cultiva desde os 18 anos), ofrecen ademais a particularidade de ter un colorido propio dado que o artista tamén posúe estudos de formulación, o que lle permite crear gamas cromáticas persoais e exclusivas que el mesmo fabrica.

A inauguración da mostra correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen nas súas palabras lembrou que é a segunda vez que Otero Regal expón na Casa de Galicia. "A primeira foi en 1994, ou sexa fai nin máis nin menos que 26 anos, que se di pronto, e que xa entón provocaron a nosa admiración. Levabamos tempo pensando nunha nova exposición súa nas nosas instalacións, o que finalmente se produciu e do que estamos moi satisfeitos". Jiménez sinalou ademais que realmente, "a súa arte non nos abandonou nunca" pois o edificio conta desde a súa inauguración cun magnífico Cristo, que formou parte da dotación inicial da Casa, ao que logo se uniu no 94 outro cadro cerámico seu titulado "Bispos, raíñas e nenos", de non "menos impresionante factura". E por iso "é unha gran alegría telo de novo aquí, con este desembarco de obras actuais que testemuñan o seu entusiasmo creador e o seu traballo incansable".

Pola súa banda, o multidisciplinar artista lembrou aquela primeira exposición cuxa clausura realizara o propio D. Manuel Fraga admirador de Regal e do que lle gustaba dicir que era "o mellor ceramista de Galicia e con toda probabilidade tamén do mundo".

Otero Regal leva máis de medio século dedicado á creación, e lembrou ás tres mulleres que o precederon e inspiraron: a bisavoa, que despois de quedar viúva con oito fillos e só 33 anos, saíu adiante e acabou criando e vendendo cabalos para o exército; a avoa, que a mandaron desde Arxentina a Galicia para vender as facendas e nunca volveu porque se namorou dun fornido vasco 14 anos menor; e á súa nai, á que tampouco nada se lle poñía por diante, como cando se empeñou en aprender a andar en moto e conseguiuno nunha tarde... Regal reivindica esa forza das mulleres galegas e iso queda plasmado nos trazos das súas mulleres artísticas.

Alfonso Otero Regal, natural de Foz, Lugo, e residente en Xunqueira, Viveiro, Lugo, fai uns 15 anos que adquiriu unha antiga fábrica en ruínas de curtidos do Século XVII e restaurouna para convertela no complexo cultural Regal-Xunqueira, con dous museos (un de cerámica e o outro de pel), salón de actos, biblioteca... e que recibe cada ano preto de 10.000 visitas.

Como artista, Otero Regal conta no seu haber desde 1968, con unhas 30 exposicións individuais e máis de 200 colectivas; ilustrou libros, impartiu cursos, realizou murais cerámicos por todo o mundo, e é mesmo articulista de prensa. Realiza ademais pezas de cerámica que produce para o mercado pero tamén deseña e realiza outras artísticas propiamente ditas, con características que van desde o expresionismo ata de arte conceptual.

 Otero Regal, escultor do vento

Tal e como o define o escritor Ramón Pernas no catálogo preparado para a ocasión, "Otero Regal segue esculpindo a vida, o vento, cun entusiasmo adolescente que afortunadamente nunca abandonou. Otero Regal, escultor do aire", di.

A mostra "HAI MULLERES" poderá visitarse na Casa de Galicia ata o 30 de marzo de 2020; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes