A mostra de pintura e gravado "De costa a costa" de Pepa Domingo, na Casa de Galicia este mes de xullo

A exposición ofrece dúas expresións complementarias e múltiples técnicas creativas
Madrid, 5 de xullo de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle durante este mes de xullo a exposición de pintura e gravado "De costa a costa" de Pepa Domingo, artista multidisciplinar que ofrece nesta mostra dúas expresións complementarias con numerosas técnicas creativas para difundir a súa persoal percepción do mundo.

No acto de inauguración interviñeron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José ramón Ónega-; a poeta Victoria Cuenca Gñeco; así como a propia autora, Pepa Domingo.

Nas súas palabras, Jiménez lembrou que a artista pasou pola Casa no ano 2005, fai máis de once anos, con outra exposición que levaba por título Fisterra. "Xa entón fascinounos coas súas barcas e os seus pobos, pobos que a min encantáronme especialmente, porque me lembraban os contos antigos, esas aldeas de ilusión que parecían recollerse na cunca dunha man", dixo. Explicou ademais que a obra que nos trae agora "continúa por unha banda esta liña súa tradicional de pintura" pero achega por outra "unha considerable obra gráfica", composta por máis dunha trintena de cadros, de diferentes formatos, creados con moitas e variadas técnicas como: gravado, esgrafiado, gofrado, serigrafía, xilografía, litografía, augaforte, augatinta, caborundo...

Para Victoria, estes lenzos "están cheos de amor e forza" e "fannos sentir que non perdemos a esperanza". A cor é "intensa e ilumina a vida sinalando carreiros por onde xoga o vento", dixo. Ademais destacou que a súa contemplación supón "un relax para o espírito nun mundo galopante".

Pola súa banda, Pepa Domingo, tras os sinceros agradecementos, quixo enxalzar "a luz e a gran variedade de verdes da paisaxe galega que moldea o carácter e a forma de pensar das xentes". Contou que aínda que é de Valencia, despois de case catro décadas en Galicia "síntome moi identificada coa terra e os seus habitantes". Falou do seu profesor de gravado, Martín Pastor que lle abriu "un amplo campo de técnicas" que non coñecía, porque para ela, "un artista debe estar sempre experimentando e buscando". A autora sinalou tamén "como cita ineludible" o seu encontro anual co  CIEC (Centro Internacional de Estampa Contemporánea de Betanzos), onde "acode o mellor do mundo". Declárase namorada de Galicia, das súas costas, (e dun galego) e especialmente da Coruña, de Oleiros e de Betanzos.

Pepa Domingo, (Mª José Domingo Pérez-Ugena), licenciouse en Belas Artes na súa terra natal, Valencia en 1982. Profesora agregada de Bacharelato desde ese mesmo ano, é Doutora en Belas Artes e Premio Extraordinario de doutoramento pola Universidade de Salamanca en 1997; catedrática de Debuxo desde 2008, é tamén técnico superior de Gravado e Estampaxe en Almería desde 2014.

A mostra poderá ser visitada ata o día 29 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes