Medios

  • (2848x4288px., 1399 Kb.)
  • (2848x4288px., 1035 Kb.)
  • (2848x4288px., 1149 Kb.)
  • (2848x4288px., 923 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Escultopinturas de "Zeta" na Casa ata o 29 de xuño

O artista ourensano "constrúe dende a nada naufraxios da alma mediante obxectos cuxa orixe non está de todo garantida"
Madrid, 5 de xuño de 2012.

Inauguración da mostra de pintura e escultura de Abelardo Manuel Rodríguez López "Zeta", artista expresivo, xestual e enérxico, cuxas creacións son auténticas "escultopinturas". No acto interviñeron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez, a pintora Ana Ferreiro Álvarez e o propio autor, Abelardo Manuel Rodríguez López, coñecido dende a súa infancia como "Zeta" e nome que tamén adoptou no mundo artístico.

"Eu asusteime algo cando vin en directo onte estes grandes cadros con eses pedrolos incrustados ameazando caer e esmagarche un pé, ata que descubrín por pura casualidade que non eran tales pedras senón unha simulación de pedras pintadas, realizadas cun enorme esmero a base de poliespán", desvelou na presentación o coordinador da Casa.

Tamén engadiu que se trata dunha mostra "espectacular e única no seu xénero" das que levamos realizadas ata a data nesta Casa. "Outros artistas expuxeron nas nosas salas obras de materiais reciclados, algúns mesmo recolleron madeiras nas praias quen sabe se procedentes dalgún naufraxio coas que, convenientemente recicladas, elaboraron unha idea. Ao meu modo de ver, Zeta fai algo completamente diferente. Zeta, para o meu gusto, constrúe dende a nada naufraxios da alma mediante obxectos cuxa orixe non está de todo garantida, por máis que se revistan de madeiras que puideron pertencer a un vello barco ou a unha vella árbore ou ser antigas pedras rodadas que culminaron a súa viaxe nun pedregal". Recordou ademais, que "vendo esta exposición, sería moi doado que un crítico de arte escribise ao respecto que o fin a Casa de Galicia entrou na modernidade; claro que non sería esta unha opinión nova nin totalmente certa, o primeiro porque xa dixeron isto de nós fai moitos anos, e o segundo porque á vista do anterior cabería dicir, como moito, que nos mantemos na modernidade", e destacou que a obra de Zeta se axusta ás esixencias da Casa, que "está aberta a todas as sensibilidades artísticas de calidade, sexan antigas ou modernas".

Para Ana Ferreiro, tamén pintora ourensana, "a obra de Zeta é unha homenaxe á terra, esa terra marrón coa que xogan os nenos. Busca incesantemente a renovación organizando en volumes e pigmentos perfectamente coordinados. O resultado é o impacto da visión dunha obra nova e única".

Pola súa banda, o autor, considera que nas súas obras, "moitos materiais encontran unha segunda oportunidade, xa que algúns deles tiñan como único destino o lixo, e eu gozo moito facendo o que fago".

No catálogo elaborado para a exposición, Eva Torres, da dirección técnica dos Museos Municipais de Ourense, alude a que se trata "case dunha Arte Povera", e que Zeta "é un vínculo entre elegancia e a estética no seu vértice máis puro".

A mostra permanecerá aberta ata o 29 de xuño en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes