"Ferrol en reflexos" de Manuel Pombo, en Madrid no mes de abril

A Delegación da Xunta ofrece na capital a particular visión do fotógrafo da "cidade lóxica situada nunha terra máxica", que diría Torrente
Madrid, 3 de abril de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerá durante o mes de abril a exposición de fotografía "FERROL EN REFLEXOS", de Manuel Pombo, na que o autor, aliándose con diferentes elementos, especialmente coa auga, capta sorprendentes recunchos, singulares edificios e pequenos detalles da "cidade lóxica situada nunha terra máxica", como definiu a Ferrol Torrente Ballester nos "Cuadernos de la Romana", tal e como lembrou Pombo no acto de inauguración.

O fotógrafo explicou que "é lóxica porque o seu desenvolvemento como cidade empeza na época da Ilustración, que a partir do núcleo urbano primitivo de Ferrol Vello, construíronse os Astilleros e o barrio da Magdalena, que fusiona nun mesmo espazo o racionalismo urbano da época ilustrada e as construcións modernistas do século XX". Tamén que "as novas construcións deste estilo dotaron ao barrio dun singular engadido, ao incorporar os arquitectos as galerías, non só pola súa utilidade material, senón tamén como un elemento decorativo da fachada". Ademais, "o conxunto destas edificacións son un verdadeiro agasallo para os profesionais e afeccionados ás artes plásticas, sen esquecernos do xa amentado Ferrol Vello dos barrios de Esteiro (onde se construíron as primeiras vivendas para os traballadores dos estaleiros) e Canido (onde en setembro ten lugar un evento dedicado as "Meninas" que ano a ano cobra maior Importancia". A maioría das fotografías desta exposición están realizadas nestes barrios.

A inauguración da mostra correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega. "A fotografía é a arte de pintar con luz, é a forma de expresión artística máis contundente, máis profunda, máis exacta, máis crúa e máis emotiva que existe", dixo Jiménez. "É unha máquina do tempo, pois lévanos ao pasado, e non hai peor lembranza que dicir e non nos fixemos unha foto". Para que Ferrol non poida dicir iso nunca, "Manuel Pombo tomoulle non unha senón todas as fotos que aquí verán, para a súa maior gloria e por que non, tamén para a súa infinita nostalxia, pois algúns dos rostros da cidade aquí retratada, algunhas das súas facetas, xa non existen na realidade, xa desapareceron na mudanza implacable da vida, xa só vivirán a salvo nestas fotografías imperecedoiras", sinalou, e definiu ao artista ferrolán Manuel Pombo Naveiras, como "un fotógrafo afeccionado apaixonado das paisaxes e edificios de Ferrolterra, e que en consecuencia os captura co seu obxectivo reflectidos sobre charcos, escaparates e capós de coches, o que fai tras un gran alarde de imaxinación e descubrimento".

Pola súa banda, Pombo engadiu que Ferrol en reflexos é "unha pequena mostra do que eu observo nos meus paseos pola cidade, sempre acompañado dunha cámara fotográfica. A maxia que ten Galicia, onde está situada Ferrol, e a luz despois da choiva crea a contorna ideal para obter estes resultados, que espero que lles gusten".

A exposición de Manuel Pombo poderá visitarse na Salas A e L ata o 27 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes