Medios

  • (2848x4288px., 817 Kb.)
  • (2848x4288px., 764 Kb.)
  • (2848x4288px., 985 Kb.)
  • (2848x4288px., 775 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"O río da vida", antolóxica do fotógrafo lucense "Zalo" estará nas salas da Casa de Galiciaatao 6 de maio

A mostra fórmana máis dun cento de imaxes tomadas dende hai 40 anos
Madrid, 10 de abril de 2012.-

As salas da delegación da Xunta en Madrid acollen a obra antolóxica baixo o título "O río da vida", do fotógrafo lucense Gonzalo Sánchez Folgueira, “Zalo”, profesor de Fotografía Artística na Escola de Artes "Ramón Falcón" de Lugo. Trátase dunha selección dun centenar de instantáneas de gran variedade temática, cheas de forza, capturadas dende a propia emoción do seu autor, tomadas dende hai máis de 40 anos e que poderán verse ata o día 6 de maio en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

"Facer unha exposición sen o autor é atípico pero ás veces as circunstancias mandan", dixo no acto de inauguración o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega quen no transcurso deste leu un escrito enviado polo autor, que non puido asistir por atoparse indisposto. "Cada vez resulta máis difícil dicir ou engadir algo substancial que contribúa esclarecer o cada vez máis confuso panorama da arte actual. Por iso non deberiamos escandalizarnos se, a estas alturas, alguén formulase a seguinte pregunta: é unha arte a fotografía?... E xa que vivimos un tempo no que todo parece cuestionable, por que non nos facer esa mesma pregunta en relación coa pintura, a escultura ou calquera das demais artes? ", formula Zalo, e engade: "En realidade, tanto a pintura, coma a escultura ou a fotografía, cando se lles priva do alento poético, non son máis que meros oficios ou procedementos artesanais. No caso da fotografía non sería máis que unha curiosidade técnica, unha prodixiosa mostra da capacidade de invención do home,".

 Para Zalo, "probablemente ser artista non consiste máis que nunha especial forma de percibir a vida, nun peculiar xeito de intuír o sentido cósmico da nosa presenza no universo. O máis sinxelamente, nunha especial sensibilidade para ver e sentir cada instante vivido".

En palabras do autor: "Para esta exposición, -a máis completa realizada ata a data- procurei seleccionar aquelas imaxes nas que creo ter retido algúns dos momentos máis emotivos e máxicos da miña existencia, desbotando fotografías de estudo que puidesen conter algún tipo de pose ou afectación. Nesta selección quixen dar prioridade ás obras que mellor definisen o meu especial xeito de ver e sentir cada instante (único tempo real do que dispoñemos), incluíndo algunhas que, pertencendo ao álbum familiar, considerei que posuían valores e calidades expresivas trasladables ao espectador,".

Para pechar o acto, Ónega, tras desexarlle a Zalo unha pronta recuperación e o desexo de que "antes de que remate a mostra poida vir a vela”, sinalou que “estamos diante dunha obra absolutamente persoal e intimista dotada, polo tanto, dunha linguaxe propia que se fai universal. Esta colección constitúe unha significativa achega ao acervo gráfico e cultural de Galicia".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes