Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolle "Ao meu mundo" de Maica Nöis, ata o día 27

O acto de inauguración ao que acudiron preto dun centenar de persoas contou coas intervencións da xornalista Julia Sáez-Angulo e o artista Jaime Galdeano
Madrid, 2 de febreiro de 2016

A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid acolle desde hoxe ata o día 27 a exposición de pintura "AO MEU MUNDO- Visións desde o interior, 2011-2016" da polifacética artista Maica Nöis quen toma o seu nome do lugar lucense (entre Foz e Burela) onde pasou a súa infancia, onde volvía cada verán nos primeiros anos e que segue marcando a súa traxectoria creativa e vital.

Preto dun centenar de persoas acudiron ao acto de inauguración no que interviñeron, ademais da autora, o coordinador de Actividades Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa José Ramón Ónega; a escritora e xornalista Julia Sáez-Angulo, membro da Asociación Internacional de Críticos de Arte e o artista Jaime Galdeano, pintor e ex presidente da Agrupación Española de Acuarelistas.

Jiménez lembrou que Nöis xa expuxo na Casa fai unha decena de anos, de tal modo que se pode captar a puxanza e evolución da súa obra, que ela mesma denomina como "varias series de abstraccións dinámicas". Apréciase claramente "como flúen os distintos ritmos da pintura de Nöis, quizá axude a iso o feito de que pinte descalza ao ritmo da música e de que os seus pinceis bailen tamén", dixo, e citando ao Principiño sinalou que o esencial é invisible aos ollos, e o que en realidade fai cando baila ante o lenzo é "un striptease da alma, unha cerimonia mediante a cal se desposúe de todas as súas máscaras...". Paradoxas da vida, agora que chega o Entroido e as poñemos, "resulta que Nöis as quita para mostrarnos a súa verdade, porque estes cadros son ela mesma, na súa paixón e a súa serenidade, nas súas distintas arquitecturas e xeometrías, na luz e na escuridade...".

Para Julia Sáez-Angulo, "este é o ano de Maica porque acaba de realizar unha exposición de fotografía no centro cultural da Quinta do Berro do concello de Madrid e agora esta de pintura completamente inédita na Casa de Galicia". Ademais, "Maica Nöis é unha artista multidisciplinar", comentou, "pois é capaz de expresarse co deseño, a fotografía ou a pintura e dentro desta, con acuarela, óleo, debuxo, collage... abrindo novos camiños, sen caer no cárcere do estilo, porque a súa inquietude non llo permite".

Para Jaime Galdeano, "a beleza invéntaa o ser humano e Maica recolle da natureza os signos sublimes, moldéaos e regálaos á nosa sensibilidade", como queda patente nesta mostra. Insistiu tamén en que "é unha artista que está continuamente buscando e experimentando porque lle move esa inquietude inherente á súa personalidade, a ela mesma".

Pola súa banda, Maica Nöis debullou unhas breves palabras ao redor dunha clara idea, "a sorte é necesaria pero o esforzo é fundamental", e explicou que agora o seu proceso creativo parte dunha concepción: "Mergúllome nun mundo interior cunha idea preconcibida do tema, e logo busco a técnica e o soporte cos que desenvolvela".

A mostra poderá ser visitada ata  o 27 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes