Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Nuria Pena expón na Casa de Galicia a mostra "Obra gráfica", composta só por gravados

Realizados con diferentes técnicas, dentro dunha disciplina laboriosa
Madrid, 7 de setembro de 2015.

Nuria Pena, artista lucense afincada na Coruña, inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición "Obra gráfica", composta só por gravados, que poderá verse ata o próximo día 25. Presentaron a exposición, ademais da autora, o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e a pintora María Luisa Valero.

Ónega recordou que Pena é licenciada en Belas Artes e arcea en Edinburgo e Roma e indicou que prefire a expresión "printmaker" ao de "artista visual" para definir o seu traballo. Destacou que a mostra inclúe gravados en todas as súas variantes técnicas e simbólicas, o que supón "todo un reto para a autora, dada a laboriosidade desta disciplina" e que "grazas á continua investigación conseguiu que as súas obras reflictan a súa vertente poética intimista e lírica".

Apreciación esta na que Ónega coincide co prologuista do catálogo, Jaime G. Lavagne, que mantén que, máis alá do seu virtuosismo técnico, "Nuria Pena é posuidora dunha poética intimista e lírica innegable que vinculan a artista, na súa proximidade á natureza, á errancia da mellor tradición romántica".

María Luisa Valero mantivo que Nuria Pena "é unha artista chea de forza e creatividade, con técnicas moi depuradas. Técnicas mixtas moi ben pensadas, creativas, con resultados de excelentes calidades, gravados moi interesantes".

Pola súa banda, Pena explicou algúns dos seus procesos de traballo, nos que intenta romper o límite oficioso do tamaño do gravado traballando por módulos, "desmontando as imaxes para logo montar, dentro dunha mesma peza gráfica, un gravado de grandes dimensións". "Traballo con múltiples materiais e diferentes técnicas", sinalou, descubrindo as bondades dalgunhas delas e a súa preferencia polas series, que lle permiten variantes dunha mesma temática.

"O espectro de posibilidades técnicas e estilísticas no gravado é infinito. Pero é unha pena que leve tanto tempo, coa de pezas que me quedan por facer e o corta que é a vida", declarou.

Entre os asistentes ao acto achábanse o prologuista do catálogo da mostra, Jaime G. Lavagne, as críticas de Arte Julia Sáenz Angulo, Mariví Otero e Carmen Valero, e o fotógrafo Xurxo Lobato, que tamén inaugura exposición na Casa mañá.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes