Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Paisaxes na memoria", mostra da pintora pontevedresa Amelia Palacios na Casa de Galicia en Madrid ata finais de mes

O título describe o espírito da exposición, segundo a artista
8 de xaneiro de 2014

Co título de "Paisaxes na memoria", a pintora pontevedresa Amelia Palacios inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha exposición da súa obra, coa que se abriu a programación cultural deste novo ano na Casa. A mostra, que se exhibe en dúas das salas, poderá verse ata o próximo día 31.

Madrid, 8 de xaneiro de 2014. - Co título de "Paisaxes na memoria", a pintora pontevedresa Amelia Palacios inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha exposición da súa obra, coa que se abriu a programación cultural deste novo ano na Casa. A mostra, que se exhibe en dúas das salas, poderá verse ata o próximo día 31.

Na inauguración, a artista estivo acompañada polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a ela como "pintora de calidade" que encarna "o paradigma da proxección cultural desta Casa, neste caso no ámbito das exposicións de arte". "Refírome ao apoio aos artistas novos, galegos, con vocación e ademais valía, traballadores e rigorosos no que fan; merecedores polo tanto de recibir de nós o impulso de promoción necesario fóra da Comunidade Autónoma, pois este é precisamente un dos nosos fins fundamentais, o de difundir a cultura de Galicia na capital de España", precisou.

Destacou tamén a madureza da obra malia a xuventude da artista, o que considerou que poida deberse a que "Amelia aprendeu dende o momento en que naceu a linguaxe da pintura coa mesma naturalidade que o das palabras", recordando que é filla doutro grande artista, Alex V. Pazos.

Pola súa banda, Palacios explicou que co título da exposición tratou de describir o espírito desta nova mostra súa, na que "reflexiono sobre a transformación da luz, do tempo e da memoria, a través de paisaxes abstractas, tinguiduras de misterio e 'saudade' ".

"É a 'saudade' que sentín ao vivir en Madrid, recordando Galicia. E agora, ao vivir en Galicia, recordando Madrid. Aquí están as paisaxes deses recordos, ou os recordos desas paisaxes. Paisaxes íntimas (interpretadas segundo o estado de ánimo). Paisaxes efémeras e cotiás. Paisaxes eternas, que duraron só un instante", expuxo Palacios.

Desta saudade fala tamén o arquitecto César Portela no seu texto de presentación do catálogo da exposición, describindo esta sensación compartida: "Aínda recordo cando, estudando tamén Arquitectura en Madrid, no mes de maio cando acudía a examinarme á Escola, saía de casa coa preocupación de aprobar e, polo camiño da Escola e ao baixar a costa do Paseo da Ilustración, se me aparecía ao lonxe a Casa de Campo e se me anubraba a vista e sufría espellismos. E entón o bosque de piñeiros mudábase na Ría de Pontevedra sucada por barcos, dos máis diversos tamaños e tipos, que navegaban en todas as direccións e con eles me chegaba unha suposta brisa mariña e un forte olor a salitre que facía que o aprobar pasase a un segundo plano e o que ansiara fose que se rematase o curso canto antes para volver a Galicia e somerxerme no Mar ".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes