Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O pintor Peña Romay expón na Casa de Galicia a mostra "Xeometrías", cuxo protagonista é a paisaxe urbana de Galicia

Tamén inclúe mariñas, gravados e unha serie figurativa
Madrid, 1 de outubro de 2014.

O pintor lucense José Manuel Peña Romay inaugurou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a mostra de pintura "Xeometrías", que ten como temática principal a paisaxe urbana de Galicia, en óleos e acrílicos de pequeno e gran formato e ampla gama cromática, pero na que tamén levan importancia as mariñas, os gravados e a serie figurativa que a compoñen. Na presentación, o artista estivo acompañado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez. A exposición pode verse ata o próximo 30 de outubro.

Peña Romay explicou ao público que acudiu á inaguración que "todas as obras desta exposición están conectadas pola xeometría, xa sexa a que impera nas edificacións das cidades, a que existe na natureza, ou a xeometría coa que se constrúe o propio corpo humano. E é que o xeométrico subxacer en todo o existente".

"A través da cor e das texturas, de fragmentacións xeométricas e de planos superpostos, intento atrapar a esencia das paisaxes urbanas, nos que moitas veces se poden recoñecer espazos dalgunha das cidades galegas. Son arquitecturas creadas polo home, que en realidade reproducen formas dende sempre presentes na natureza. Neste sentido, a xeometría plana e profunda do mar tamén me interesa. Por iso nesta ocasión quixen que a natureza sexa tamén protagonista, incluíndo unha serie de oito óleos dende a que un pode asomarse ás formas e ás cores infinitas da Mariña Lucense, un lugar moi vinculado á miña obra," expuxo Peña Romay.

Por último, sinalou que a mostra tamén ten unha serie figurativa. "Trátase de composicións de seres biomórficos que tratan de expresar a esencia da nosa orixe. Formas curvas e voluminosas que achegan mobilidade ás escenas. Xeometrías que, en definitiva, son a manifestación material das leis estruturais de todo o desenvolvemento biolóxico", sinalou.

Pola súa banda, Jiménez resaltou a visión que da xeometría ten Peña Romay "en todo o existente", que nas paisaxes urbanas se manifesta en "trazos case arquitectónicos, fragmentacións xeométricas complexas, é dicir cando Peña Romay se mete arquitecto cun estilo pictórico que el mesmo chegou a definir como ´ neorrealismo urbano ou realismo modernista, máis abstracto´. O cal encaixaría tamén coa súa admiración por Picasso".

Se radiografamos a natureza, é dicir a vida, tanto dende lonxe coma de preto, imos encontrarnos coa xeometría en todas as partes. E Peña Romay decatouse diso e ao seu xeito ofrécenos, na radiografía que fan os seus ollos do ámbito que repasan, a súa versión pictórico-xeométrica da vida. Por exemplo nos de tema urbano móstranos unha cidade nova irreal e suxestiva, chea de luces misteriosas, envolvida en ceos evocadores", observou Jiménez.

Resaltou así mesmo a presenza da cor na obra de Peña Romay, do que dixo que "se decatou" de que moitos pintores galegos teñen unha preferencia polo gris, e isto a el lle desgusta un pouco", polo que se rebelou contra os grises "dos días anubrados e pon outra luz neses ceos".

Miguel Anxo Macía, doutor en Belas Artes e pintor, dinos no prólogo do catálogo da exposición que o gusto de Peña Romay pola cor "é evidente, xa que manexa todas as gamas cromáticas, mesmo entralazando as cores cálidas e frías, lixando e velando para enriquecer o cadro". Tamén que Peña Romay "sigue fiel á orde e ao belo asumido polos clásicos, que son os seus grandes mestres, por iso os seus cadros nos falan da beleza e da vida, impregnando a nosa retina da mensaxe da arte, camiñando cara ao construtivo e a verdade".

José Manuel Peña Romay (Lugo, 1952) desenvolve a súa actividade laboral como técnico na industria eléctrica. A súa formación artística parte dunha base autodidacta que completou con talleres de pintura, debuxo e técnicas de gravado. Foi galardoado con distintos premios, accésit e mencións de honra en diversos certames de pintura e realizou ilustracións para a obra poética de Xosé Otero Canto, "En esta silandeira Cremalleira de auga", e para a revista poética lucense "Xistral". A súa obra foi exposta por distintas cidades galegas e forma parte de coleccións públicas e privadas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes