Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O pintor ferrolán Ignacio Dávila Golmayo "Matute" exhibe na Casa de Galicia a mostra "Retratos y paisaxes"

Fai un percorrido polo que foi a súa traxectoria artística
Madrid, 8 de xaneiro de 2015

O pintor ferrolán Ignacio Dávila Golmayo, "Matute", exhibe dende hoxe e ata o próximo día 30 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha ampla mostra da súa traxectoria artística baixo o título de "Retratos e paisaxes" na que, a través das obras que se exhiben en dúas das salas de exposicións da Casa, o artista reflicte o seu mundo a través de retratos e paisaxes pintadas ao óleo e gravados sobre madeira.

O autor non puido asistir á inauguración da exposición por motivos profesionais pero enviou unha carta de saúdo aos presentes que foi lida polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, presentou ao pintor e a mostra que exhibe nas nosas instalacións, a primeira do novo ano.

Jiménez mantivo que "Matute" "é un creador cuxa obra se vai consolidando firmemente no mundo da pintura, licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e técnico superior en gravado e estampación pola Escola de Arte Nº 10 da Comunidade de Madrid". Na súa traxectoria artística o pintor obtivo premios en concursos e certames e realizado exposicións individuais e colectivas en cidades españolas e doutros países europeos.

Nas palabras enviadas, "Matute" manifestou a súa alegría por poder presentar o seu traballo na Casa de Galicia neste comezo do ano 2015 e escusou ante os asistentes a súa "inevitable ausencia por motivos de traballo no lugar onde resido actualmente", en Cádiz. "Quixen presentar gran parte da miña obra pictórica dende que empecei a pintar tras rematar na Facultade de Belas Artes ata os últimos bosquexos que realicei recentemente incluíndo todo tipo de paisaxes e retratos. Nesta ocasión omitín os meus gravados, as xilografías que tanto me representan, pero no seu lugar quixen presentarvos algo que xurdiu a partir delas: unha pequena representación do que considero como unha técnica persoal 'os retratos tallados' ", explicou.

Fixo notar non obstante que "o groso da exposición é pintura ao óleo. Pintura de toda a vida coa que intento plasmar momentos e lugares que nos rodean cada día. Alguén dixo algunha vez 'está todo inventado e por inventar' e eu digo 'está todo pintado e por pintar' ", engadiu.

Carmen Álvarez Morales, licenciada en Belas Artes e Crítica de Arte Contemporánea, define a "Matute", no prólogo do catálogo da mostra, como "un artista da vida, a cal retrata tal e como é: sinxela e bela, o amor entre ela e el, entre a vida e o mundo".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes