Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A pintora galega María X Fernández inaugurou na Casa de Galicia a mostra "75 Cores"

Inclúe pintura, acuarela e escultura de papel e lenzo en pequeno formato
Madrid, 4 de febreiro de 2015.

A pintora galega María X Fernández inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición "75 cores" que inclúe obra recente de pintura, acuarela e escultura de papel e lenzo en pequeno formato, parte da cal está agrupada en series, como "75 cores", "Repensar" e "Transparente". Pode visitarse ata o próximo día 27.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, a artista foi presentada polo coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen valorou que algunhas das obras da mostra ben poderían formar parte da Feira de Arte Contemporánea ARCO -que coincidirá coa exposición- "polo vangardista non só do seu apariciencia senón tamén da súa intención". Tamén chamou a atención sobre os espazos baleiros que a artista inclúe entre os seus cadros. "Eses espazos serían a nada, se é que existe, representarían a nostalxia da cor perdida".

María X Fernández explicou que o título da mostra "chama á evocación, o aroma do tempo en que unha pequena caixa de pinturas, aquela que foi un tesouro na infancia, debuxou tons e matices definindo os meus gustos persoais, 75 ceras que foron minguando na caixa, reducíndose e deixando paso a uns odiosos ocos baleiros. Algo así como o lume hipnótico que remata en cinza ou a flor que se despreguiza fermosa para finalmente pregarse sobre si mesma".

"Nestes ásperos días, onde todo parece novo pero xa vivido, buscar a luz faise necesidade e é difícil entender aqueles que a rexeitan ou aos que a encontran cando xa non está. Ninguén entende os ocos porque rememoran o que falta. Un lenzo en branco é un oco ou, talvez, o que hai antes da nosa mirada. Que acontece se tras a cor cegadora hai outro lenzo silente? Cántas cores han de ser ofrecidas ao deus da compracencia para quedar saciado? Arrancar, pregar, facer cachizas, enroscar, engurrar, non é un esforzo van do desespero, non un fracaso, só é unha actitude, un xesto de aceptación que non de derrota. Todos sabemos que é un último paso que nos levará ao principio", reflexiona a artista.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes