A pintora pontevedresa Amparo Salgueiro exhibe na Casa de Galicia a mostra "Cor, forma: eses misterios"

Composta por 27 cadros nos que aflora a súa paixón pola cor e a forma
Madrid, 8 de xaneiro de 2020.

A pintora pontevedresa Amparo Salgueiro Martínez (Panxón-Nigrán) exhibe este mes de xaneiro na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a mostra "Cor, forma: eses misterios", composta por 27 cadros nos que aflora a paixón pola cor e a forma que acompaña a esta artista, tamén doutora en Farmacia, desde a súa infancia.

Na inauguración da exposición, que tivo lugar esta tarde, interviñeron, ademais da pintora, o expresidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López.

Ónega deu a benvida á pintora e ao numeroso público que asistiu á inauguración e agradeceu afectuosamente a presenza de Romay Beccaría de novo na Casa. O delegado da Xunta presentou a Salgueiro e a obra exposta, "unha brillante mostra do seu poder creativo", do impacto que teñen a cor, as formas e a súa harmonía no conxunto e a paixón que sente por estes elementos. Lembrou así mesmo que se trata da segunda exposición de Salgueiro nesta Casa pois en 2015 "visitounos coa titulada ´Interior e exterior´".

Romay Beccaría, tamén prologuista do catálogo da mostra, afirmou que nesta exposición Salgueiro mantense "fiel á súa maneira de expresar a súa arte" e nas súas obras podemos ver "gran diversidade de formas, pero todas elas cunha intención común: non mostrar o evidente, o visible, senón expresar ou suxerir dunha maneira persoal algo interior, os soños, a dor, a esperanza...". Apreciou tamén que entre as obras presentadas existe "unha conexión, un argumento, unha manifestación de vivencias" á vez que "unha mostra de formas en si, xeométricas, non ligadas a estados de ánimo pero que poden suxerilos". "Non se trata dunha expresión, nestas obras, senón dunha necesidade de crear, de buscar e plasmar subjetivamente a beleza", engadiu.

Pola súa banda, a artista explicou que o título da exposición explica ben o que ela sente ante a cor e as formas, o misterio polo que cada un por si ou a combinación dos dous elementos fannos sentir "atracción, repulsión ou indiferenza por cousas que nos rodean". "Por exemplo, ao entrar nun establecemento, de súpeto vemos un obxecto que atrae a nosa atención, que nos fascina, e todos os demais que o rodean non nos ofrecen ningún interese" e "todos teñen cor e forma pero é esa combinación precisa dos dous elementos a que produce ese efecto", ilustrou, apostilando que "isto é variable segundo a persoa que os vexa".

"Na miña actividade pictórica móvenme motivos moi diferentes. Ás veces quero plasmar unha emoción, un sentimento, e outras veces algo inesperado arrástrame, sen saber o por que, a facer unha obra que me parece unha bela expresión de algo totalmente subxectivo", declarou, referíndose a "fases da cor en si, fases de dor, fases de liberación, de soños, de superación, de reconstrución". Tamén declarou o seu interese por "coñecer o motivo da creación de moitas grandes obras coñecidas"

Amparo Salgueiro Martínez, doutora en Farmacia, inicia a súa faceta de pintora en 2002 da man de Fernando Alea en Málaga e a partir de 2004 realiza sucesivamente os estudos de Pintura e Debuxo na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Tamén recibiu leccións do mestre Antón Pulido e Puri del Palacio. Desde 2007 participa en diferentes certames e a súa obra foi exposta en varias ocasións e forma parte de diversas coleccións privadas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes