Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Escenas da Galicia urbana, rural y mariñeira compoñen a mostra pictórica "Costumismo Galego", que se exhibe na Casa de Galicia

De Vidal Martín Palacios, pintor namorado de Galicia e en especial da Serra de Barbanza e a Ría de Muros e Noia
3 de abril de 2013

"Costumismo galego", a exposición de pintura de Vidal Martín Palacios que se exhibe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid dende hoxe ata o próximo día 26 recrea escenas galegas urbanas, rurais e mariñeiras nas que se desenvolveron as vivencias galegas deste artista toledano namorado de Galicia e en especial da Serra de Barbanza e da Ría de Muros e Noia, que frecuenta dende hai tres décadas.

Madrid, 3 de abril de 2013. - "Costumismo galego", a exposición de pintura de Vidal Martín Palacios que se exhibe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid dende hoxe ata o próximo día 26 recrea escenas galegas urbanas, rurais e mariñeiras nas que se desenvolveron as vivencias galegas deste artista toledano namorado de Galicia e en especial da Serra de Barbanza e da Ría de Muros e Noia, que frecuenta dende hai tres décadas.

 

Na inauguración da mostra, interveu, ademais do pintor, o coordinador de Actos Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a Martín Palacios como "un pintor de longa traxectoria marcada de premios que gusta de inspirarse na natureza feraz de Galicia, á que toma apuntamentos e fotos que lle serven para desenvolver logo os seus temas e o seu estilo pictórico". Un estilo do que observou que se dixo que é figurativo e realista e opinou que "se tende a clasificar así a pintura de Martín Palacios porque a palabra costumismo e o seu concepto inducen a iso, pero non é exactamente así no caso dos cadros que estamos a ver". "Neles a pincelada é máis solta que no realismo puro, polo que sería máis apropiado cualificar o seu estilo como de impresionismo realista ou de impresionismo figurativo", valorou.

Martín Palacios, que se recoñece tímido e "novo e positivo aos meus 78 anos" explicou que o seu primeiro contacto con Galicia tivo lugar en 1980, a través dun amigo, que tiña unha casa alí. Despois foi a Noia e coñeceu a Benito Juanatey, que rexentaba unha galería de arte e antigüidades á beira do río Tambre. Gustoulle unha das súas lámpadas pero non levaba diñeiro e, ante a súa sorpresa, o comerciante invitoulle a levarlla e a que o pagase despois; con algunha das súas obras, engadiu cando se decatou de que era pintor. Máis tarde expuxo as súas pinturas nesa galería.

O pintor tamén fixo notar que coñeceu persoalmente os personaxes que retrata nos seus cadros, cos que polo menos mantivo algunha conversación. Nun deles, "Peregrinos en Santiago de Compostela", retrátase a si mesmo e a diversos membros da súa familia como peregrinos, neste caso adiantando o que desexa que se converta nunha vivencia real en breve.

"Un verán, un verán calquera Vidal descobre a súa alma galega, pintor toledano de corazón celta, peregrino de rías e montes, que no seu camiñar encontra lugares, sabores, olores e xentes... Namorado de Galicia, da súa luz azul e dos seus montes verdes", describe no prólogo do catálogo da exposición Laura Alai, licenciada en Xeografía e Historia e filla do artista. Explica tamén que "as súas obras son auténticas poesías de pinceladas soltas, de cantos ás xentes sinxelas" e que é raro ver unha obra súa sen figura humana.

"Os seus lenzos, característicos polas súas tonalidades azuladas, zumegan o ambiente húmido, a néboa, o ceo azul e o sol quente plasmando escenas de pescadores, marisqueiros, mercados, folclores e tradicións" e recollen cores, sons, "infatigables traballadores, algaravía de redes e leas de gaivotas, alegría de mozos festejantes, praias bravas de historias interminables..., anaquiños de espellos, que o autor pinta desa Terra Encantada, Terra Meiga, Terra da Alma,".

As obras seleccionadas por Martín Palacios esta mostra corresponden a distintos anos e escenarios, pois despois de trinta anos de exposicións o artista se formula non organizar máis. Por iso quixo que nela figuren tamén escenas do seu Nombela natal, de Toledo e mesmo algunha de Madrid.

A exposición pode visitarse ata o 26 de abril. O horario dos días laborables é de 10 a 14 e de 16 a 20 horas e o de domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes