Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O pintor lalinense Nicolás González Aller expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra "Can de palleiro"

Foi presentado polo vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices
Madrid, 6 de maio de 2015.

O pintor lalinense Nicolás González Aller inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición de pintura de gran formato "Can de palleiro", título que alude ao compoñente híbrido da raza canina e á importante mostra pictórica que ocupa dúas salas de exposicións da Casa e que pode verse ata o próximo 29 de maio.

Ademais do pintor, interviñeron na presentación Miguel Ángel Santalices Vieira, vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Jiménez recordou a importante actividade artística que hai en Lalín, onde realizan as súas obras recoñecidos pintores galegos, e referiuse a González Aller como "creador co seu pincel de hábitats máxicos onde se moven os unicornios coa mesma naturalidade que o peixe espada na auga".

Santalices falou da traxectoria artística de Nicolás González Aller, cuxa obra coñece, facendo especial mención á exposición que realizou na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, con grande éxito de crítica e público, que foi comisariada por el. Tambien referiuse á faceta do pintor como retratista, "coa que poucos pintores se atreven e que non está representada nesta exposición".

Pola súa banda, González Aller falou da influencia do azar no proceso creativo e máis en concreto na pintura. "Eclecticismo, na súa acepción de sacar elementos de diversos sistemas, enlazando isto co ´can de Palleiro´. Outros pódenlle chamar híbridos que nacen no taller. Ao final búscase que se convertan en obras auténticas e puras", expuxo o pintor.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes