Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A pintora pontevedresa Maquieira expón a mostra "Sosego" na Casa de Galicia en Madrid

Unha mostra das raíces e madeiros de árbores que recrea nas longas horas nocturnas nas que non dorme
3 de xullo de 2013

A pintora pontevedresa Esperanza López Maquieira exhibe dende hoxe e ata o próximo día 28 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición "Sosego", unha mostra das raíces e madeiros de árbores que pinta nas longas horas nocturnas na súa casa en Meis (Pontevedra) buscando o sosego que lle nega unha enfermidade, a Síndrome de Pernas Inquedas, que apenas lle permite durmir. Nesas horas, Maquieira sente "que me concentro máis e que estou só para a pintura, xa que a intimidade nocturna me permite illarme do mundo por completo". Explicou que sempre lle gustou a pintura, pero non empezou a pintar ata 1999, entón buscouse "un bo mestre, Manuel Aramburu, de Pontevedra, pintor e mestre onde os haxa".

Madrid, 3 de xullo de 2013. - A pintora pontevedresa Esperanza López Maquieira exhibe dende hoxe e ata o próximo día 28 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición "Sosego", unha mostra das raíces e madeiros de árbores que pinta nas longas horas nocturnas na súa casa en Meis (Pontevedra) buscando o sosego que lle nega unha enfermidade, a Síndrome de Pernas Inquedas, que apenas lle permite durmir. Nesas horas, Maquieira sente "que me concentro máis e que estou só para a pintura, xa que a intimidade nocturna me permite illarme do mundo por completo". Explicou que sempre lle gustou a pintura, pero non empezou a pintar ata 1999, entón buscouse "un bo mestre, Manuel Aramburu, de Pontevedra, pintor e mestre onde os haxa".

A pintora e a súa obra foron presentadas polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen achou que a arte de Maquieira é "paradoxal", pois a pintora, presidenta na actualidade da Asociación Española da Síndrome de Pernas Inquedas, a AESPI, "encontra unicamente o sosego, e así titúlase a súa exposición, pintando o desasosego, pintando as raíces das árbores, é dicir as pernas das árbores, ou sexa en realidade as súas propias pernas, as pernas de calquera sufridor desta enfermidade en pleno movemento incontrolado, e que se nos ofrece por ela no lenzo cun aire de radiografía médica".

"Por iso, tamén dende a miña óptica particular, a abstracción que predomina nestes cadros, unha abstracción de toques expresionistas necesaria para expresar e liberar as aflicións, e que nunca podería realizarse dende a frialdade e a distancia do realismo, para o que sería imprescindible unha serenidade da que a artista, aquí, non pode dispoñer", engadiu. Apreciou así mesmo que os cadros que exhibe Maquieira na Casa son "radiografías da dor espantada, nas que se poden ver moitas cousas se se observa con atención: ollos, caras, arterias, veas, corazóns, ósos".

Julio Otero, da Asociación de Correspondentes de Prensa Iberoamericana, aprecia no prólogo do catálogo da exposición que Maquieira "busca, incansable, a súa linguaxe da alma nesta raíces e madeiras galegas, acaso arrancadas dun bosque druídico, ou naufragadas buscando refuxio nalgunha praia atlántica". "Estes cadros son o resultado dunha pintura terapéutica e visceral, que se converteu no máis elevado destino dos desvelos e desgustos durante tantas horas de insonio nocturno. Tras cada un destes lenzos hai unha senda de tenrura, inquietude e dor, múltiples veces recorrido, pero tamén unha sublimación do espírito en busca da beleza e da transparencia", mantén.

A exposición pode visitarse ata o 28 de xullo. Laborables, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes