Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Toño Vila expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra fotográfica "Faros de Galicia"

49 faros relevantes de Galicia e a súa contorna paisaxística protagonizan outras tantas imaxes
Madrid, 5 de maio de 2016.

O fotógrafo coruñés Toño Vila (Boiro, 1972) expón na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a mostra fotográfica "Faros de Galicia", na que 49 faros relevantes de Galicia e a súa contorna paisaxística protagonizan outras tantas imaxes. Pode contemplarse ata o próximo día 29.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, presentou ao fotógrafo e a súa obra o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen adiantou que a exposición "pretende mostrar a beleza e riqueza da paisaxe galega a través dos seus faros", pois "ao longo de todo o litoral, desde cabo Silleiro en Baiona ata Illa Pancha en Ribadeo, existen auténticos paraísos naturais nos que se pode gozar da natureza en estado puro e moitas destas grandes lanternas protectoras atópanse situadas en paraxes aínda non alterados pola man do home".

Pola súa banda, Vila explicou que a exposición "tenta mostrar a beleza dunhas paraxes naturais e a riqueza paisaxística galega na que predominan unhas estruturas que máis aló da súa función parecen observar todo o que ocorre ao longo do litoral". "Independentemente da súa función, os faros tratan de integrarse coa contorna que os rodea e son fantásticos miradoiros desde os que se pode contemplar a bravura do mar e a beleza dos cantiis que conforman a costa galega. As fotos que integran esta exposición tratan de mostrar a beleza das devanditas estruturas e o espazo que os rodea, cobrando ás veces máis protagonismo este último que o propio faro en si", engadiu.

Se rifirió tamén ao percorrido que lles levou a el e á súa muller, a pintora Mónica Rivas, a localizar algúns deses faros. "Nestas pequenas e austeras excursións fomos testemuñas da curvatura do horizonte onde funden o azul do ceo e do mar e onde soamente as ondas e o vento quebrantan tanta paz", evocou.

Para Fernando Cortizo Rodríguez, prologuista do catálogo da exposición, o faro "adquire nas fotografías de Toño Vila un papel secundario, deixando o protagonismo a outros elementos da contorna, que, dependendo de cada espectador, levaralle a viaxes imaxinarias, recordos ou fantasías". Tamén aprecia que nas fotografías apenas hai presenza humana, que destaca a soidade, "coma se o faro fose unha peza máis da natureza, unha parte integrada e inseparable da estrutura da costa galega. Esa solitaria presenza, inmóbil, indestructible estimúlanos ademais a imaxinar mil e unha historias".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes