Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O binomio creativo Arte Guiglo inaugura na Casa de Galicia en Madrid a exposición "Fusión de espazos"

Está composto polos artistas plásticos Guille de la Paz e a coruñesa Gloria López Paz
Madrid, 11 de xaneiro de 2017.

O binomio creativo Arte Guiglo, constituído polos artistas plásticos Guille de la Paz Serra e Gloria López Paz (Padrón-A Coruña), que residen en Boiro (A Coruña) inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición de pintura (óleos, acrílicos, acuarelas,...) "Fusión de espazos" que pode verse nas salas A e B da Casa ata o próximo día 30. Con ela ábrense as actividades públicas da Casa de Galicia en 2017.

Na inauguración interviñeron, ademais dos artistas, o doutor en Filoloxía e profesor de Literatura española Elías Serra Martínez, que os presentou, e, en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o coordinador de Actividades Culturais da entidade, Ramón Jiménez, que tamén se referiu na súa intervención aos autores e a súa obra.

Jiménez apuntou que esta exposición é unha retrospectiva das obras realizadas por Arte Guiglo nos últimos anos, "a culminación do seu proxecto ´comparte ESPAZOS´", que lles levou durante dous anos a exhibir a súa arte en diferentes espazos galegos e que é o resultado da colaboración entre dúas formas de expresión artística. "Esta exposición é tamén un canto ao traballo en equipo, é un exemplo precioso de que o bo traballo en equipo dá bos resultados".

Serra explicou que os integrantes de Arte Guiglo foron desenvolvendo a súa obra por separado ata converxer no actual binomio en 2007, unha unión artística e tamén sentimental desde a que comparten espazos creativos e exposicións e realizan as súas respectivas obras de arte en diferentes estilos.

Os artistas explicaron que o título da exposición, "Fusión de espazos", responde a que "despois de mostrar a nosa obra por Galicia compartindo espazos, o culmen do proxecto non podía ser outro mellor que a Casa de Galicia na vila e corte de Madrid, fusionando nela todos os espazos galegos onde expuxemos durante dous anos".

Arte Guiglo comparte as sensacións que a paisaxe ou as xentes de Galicia prodúcenlle na creación das súas obras, como a da choiva sobre as árbores, sobre as rocas, sobre o mar, sobre as persoas, sen renunciar ao colorido propio do outono recentemente empezado, como os dourados e avermellados, plasmados nas súas obras. Tamén as das paisaxes manchegas que Serra viviu na súa infancia.

O prologuista do catálogo da exposición, Fernando Castaño, aprecia que vendo obras dos pintores que configuran este binomio, "un métese de cheo en cor e paisaxe do Bierzo, de Padrón, no seu mundo de liñas sumidas en colorido". "Estudaron como chega ata eles a cor, mágicamente aprésano nas súas obras... pura filosofía".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes