Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

X. Rivada presenta na Casa de Galicia a exposición "Ideas fuxidas", de escultopinturas e esculturas relacionadas co mar

O artista lucense fincado en Verín realizou as obras en diversos materiais
Madrid, 2 de marzo de 2017.

X. Rivada, pintor lucense, de San Cosmede, criado en Verín, presenta na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a exposición "Ideas fuxidas", de escultopinturas e esculturas, afastadas dos grandes volumes aos que afai, de tamaño mediano/pequeno, en diversos materiais e de temática relacionada co mar. Está aberta ao público ata o próximo 31 de marzo.

A exposición foi inaugurada esta tarde e no acto interviñeron, ademais de Rivada, o poeta Antonino Nieto, que recitou uns versos da súa autoría dedicados ao escultopintor, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Jiménez lembrou que Rivada xa expuxo na Casa no ano 2008, apreciando que "este é un deses casos sorprendentes en que o artista non só non envellece senón que rexuvenece". "Así lle mantén en forma a creación a Rivada, como nos tempos en que se comía o mundo, empezando por México e terminando pola veciña Portugal. Como escultor, cumpre o soño de ter obra pública repartida por todas as partes, desde Cuernavaca a Verín, en Ourense, o lugar onde se crío tras vir ao mundo en San Cosmede de Lugo, e onde recalou na actualidade", sinalou.

"Xosé Rivada é un deses artistas entregados en corpo e alma á súa obra, nunha procura constante de si mesmo e da paz que só atopa na perfección segundo a súa obsesión enténdea", engadiu Jiménez, rememorando ademais unha valoración do artista feita pola crítica Begoña Malone: "A obra de Rivada é unha loita e un diálogo constante coa materia, que lle permite expresar todo aquilo que lle obsesiona".

Precisou así mesmo que "a exposición que hoxe inauguramos é de escultopintura e de escultura, acometida en ambos os casos desde a perspectiva da escultura, sempre presente, pois mesmo nas obras teoricamente de dúas dimensións, as colgadas a modo de cadros cromáticos, xorde o relevo, a terceira dimensión que as converte en esculturas, é dicir en escultopinturas".

Tareixa Grande Taboada, prologuista do catálogo da exposición, tras referirse ás escultopinturas e ás pinturas que forman a mostra, afirma nel que "Xosé Rivada expresa a través da súa obra, de gran honestidade, a súa bonhomía, un coñecemento sedimentado da práctica artística, gran sensibilidade e un temperamento artístico singular e maiúsculo".

Rivada explicou que a exposición está composta por 13 obras de escultopinturas nas que se achan as series "Atardecer en Samil", un lugar que para o artista "ten moita forza cando baixa o sol, coas Cíes ao fondo; é un dos mellores espectáculos que se poden contemplar", e outra, en formato máis pequeno, de obra crítica sobre o que está a ocorrer coa inmigración no Mediterráneo, "os mortos que se están producindo sen que ninguén faga nada". Tamén por dez esculturas pequenas dedicadas ás vellas que sofren cando os homes saen ao mar, temendo que non regresen. Están realizadas en bronce, mármore e pedra acibeche.

A exposición complétase co Cigarrón dos entroidos verineses, que está en todas as exposicións de Rivada, neste caso realizado en ferro. "É unha representación do meu pobo, Verín. Leveino por todo o mundo e ten moito éxito", indica o artista.

X. Rivada fixo arte figurativo, impresionista, expresionista, cubismo,... Agora dedícase á escultopintura, que traballa con soplete, non en balde é fillo e neto de grandes artesáns. Tras residir en diversos países e compartir talleres con artistas de recoñecida fama, en 1990 regresou a Galicia onde desenvolve gran parte do seu traballo, compaxinando exposicións con esculturas públicas en España e Portugal. Está en posesión de diversos premios de certames artísticos.

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes