Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia en Madrid acolle unha exposición de obras da última década do artista pontevedrés Juan Garcés

Preséntase como homenaxe ao desaparecido artista e preámbulo a unha retrospectiva antolóxica que preparan os seus achegados
Madrid, 1 de outubro de 2015.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolle este mes de outubro unha mostra da pintura do desaparecido artista pontevedrés Juan Garcés, que xa exhibiu a súa arte nas súas instalacións en 2003. A exposición, que se inaugurou hoxe e poderá verse ata o próximo día 30, ocupa as salas A e B da Casa e está composta por unha selección de trinta obras da última década do artista de temáticas diversas (figuras, mariñas e paisaxes, sempre presentes na súa traxectoria) e preséntase como homenaxe ao artista e preámbulo a unha retrospectiva antolóxica que sobre a súa traxectoria artística están a preparar os seus achegados.

Na inauguración da exposición interviñeron Soledad Garcés, irmá maior do pintor, licenciada en Filoloxía Germánica e profesora de Historia da Arte, e, en representación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Jiménez afirmou que “os cadros de Garcés sobordan alegría e elegancia. O seu estilo é personalísimo, por máis que recibisen influencia doutros pintores”. “Son cadros que navegan libremente polos mares máis recónditos, pero que cando se divisan de lonxe en calquera parede fanlle enseguida exclamar ao seu descubridor: Vaia, un Garcés!”.

Pola súa banda, Soledad Garcés afirmou que o seu irmán tivo unha vida apaixonada e creativa, lembrou a infancia do pintor e como empezou a desenvolver os seus dúas grandes paixóns: a mariña e a pintura, algo que atopou unido no cadro que se mostrou nun o caballete durante o acto, un autorretrato de Juan Garcés de neno mariñeiro xogando na beira do mar cun barquiño.

Segundo a doutora en Historia Nuria Alonso, prologuista do catálogo da mostra, na exposición “achamos, pasado polo tamiz e o innato sentido da cor do pintor, a confluencia das correntes vangardistas do século XX” e tamén “a biografía de Juan e as pantasmas do seu espírito, cando sendo moi neno o seu pai morreu no mar”, na Guerra Civil, feito ao que atribúe que “os seus mares non representan alegres ondas azul turquesa do Mediterráneo senón tons escuros e profundos”.

Máis información en www.juangarces.es

Juan Garcés(Marín1935-Madrid 2014). Comeza a pintar desde neno e ségueo facendo embarcado na Mariña e viaxando por todo o mundo. Desde mozo frecuenta, como caricaturista, algúns faladoiros no Café Gijón de Madrid onde coñece a Camilo José Cela que apadriña a súa primeira exposición en Palma de Mallorca. A finais dos sesenta instálase en Madrid e expón a súa obra por toda a xeografía peninsular e fóra de España, en países como Xapón, México, Venezuela ou Estados Unidos.

Membro fundador do Grupo Tago e relator de pintura na Real Orde do Mérito das Belas Artes, as súas obras están presentes, entre outros sitios, no Museo Español de Arte Contemporánea de Madrid, no Museo Camón Aznar de Aragón e no Museo de Belas Artes de Granada. Entre os premios que recibiu figuran a Medalla de Santa Isabel, o Premio Nacional do Exército 1972, e a Medalla ao Mérito nas Belas Artes.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes