"Kokoro, onde o sentimento únese á esencia", exposición que axunta a obra plástica de dúas pintoras e a literaria dunha poeta

Os cadros de Ana Soler Fernández e Yano Yoro complétanse na exposición cos "haikus" de Francisca García Jañez
Madrid, 7 de novembro de 2019.

A obra plástica e literaria de dúas pintoras, Ana Soler Fernández e Yano Yoro, e unha poeta, Francisca García Jáñez, conforman a exposición "Kokoro, onde o sentimento únese á esencia", centrada no mundo oriental feminino, que se inaugurou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Segundo as autoras, a mostra, que poderá verse ata o próximo día 30, está creada como un diario emocional onde mente, corpo e espírito (conceptos que se integran no termo xaponés "kokoro") fúndense para celebrar a vida. As tres artistas residen e crean en Galicia: Ana Soler é unha recoñecida artista plástica nada en Vigo, e Yano Yoro e Francisca García Jáñez son de Madrid e viven en Compostela e A Coruña, respectivamente. A mostra chega a Madrid despois de recalar nalgunhas cidades galegas e a inauguración aquí concentrou a preto de oitenta persoas.

Na exposición, as geishas reservadas e á vez cheas de felicidade transformada en quietude, contemplación e recoñecemento de Ana Soler e as mulleres nipoas sensuais, que respiran plenitude amorosa, de Yano Yoro complementan o espírito nipón literariamente cos "haikus" de Francisca García, poemas breves que incitan á reflexión, ecoan e incitan á beleza e a intimidade.

Na inauguración interviñeron as tres artistas e o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Ademais, Francisca García ofreceu un pequeno recital de "haikus" ao que puxo música a pianista Ana García Betrán.

Jiménez falou do carácter e o sentimento nipón e presentou ás artistas: "A Ana Soler Fernández, cuxa obra se centra no imaxinario xaponés feminino a partir de emotivos retratos de geishas, nos que a intimidade e a esencia prevalecen sobre a paisaxe, con gran carga emocional e vertebrados en torno á cor; a Yano Yoro, cuxas pinturas realizadas a base da técnica ´sumi-e´ evocan a esencia da muller nipoa desde a mirada interior da plenitude amorosa. Nelas, a profusión do xesto e da paleta conectan coa emoción e o sentimento. E a Francisca García Jáñez, doutora en Filoloxía Hispánica, escritora e poeta, cuxos coñecementos do mundo oriental levárona a compoñer ´haikus´ xaponeses como os que hai nesta mostra, que a conecta e envolve suavemente, como un agasallo, co fío condutor -case invisible- das súas palabras".

Francisca García Jáñez expuxo que para ela escribir "haikus" "é unha filosofía, unha disciplina, unha arte". "Cada vez que escribo versos conéctome co meu interior, coa esencia. A páxina en branco énchese de pinceladas tímidas que tentan saír a flote e, aos poucos, o texto vai xurdindo das profundidades da alma. De súpeto, como un auténtico misterio, aparece o máxico resultado". Tamén valorou que "´Kokoro´ é unha homenaxe ao intimismo e á sensibilidade, á conexión coa esencia do ser humano" e que nela "palabra e imaxe conectan de forma delicada e abren o camiño á reflexión".

Ana Soler Fernández explicou que nas súas últimas exposicións as súas obras "introdúcense no imaxinario xaponés a partir da creación dunha serie de geishas e paisaxes cheas de gran carga emocional. Os xogos de cor, parte crucial no meu proceso creativo, serven de guía á expresión do sentimento e permítenme capturar esa mirada oriental". "Nas obras monocromáticas a tinta flúe e esténdese de forma caprichosa por momentos, para acabar dirixindo a mirada cara a formas máis controladas pero cun movemento libre e espontaneo. Esa combinación de trazos, veladuras e sombras é a que xera o espírito de cada gheisa e transmítese ao espectador", precisou, apreciando que "a íntima fusión das pinturas cos ´haikus´ establece un dobre xogo entre a imaxe e a palabra, á vez que traslada ao público ao máxico momento oriental".

Pola súa banda, Yano Yoro expuxo que "a arte da pintura a tinta ´sumi-e´ é unha das vías no camiño do zen onde a pintura flúe desde a unidade de corpo, mente e espírito ("kokoro"). É unha disciplina artística e meditativa á que estou entregada desde fai tres décadas e que conta cunha tradición de máis de cincocentos anos". "Na austeridade das miñas pinturas busco desposuírme de artificios e aparencias superfluas para conectar coa esencia máis pura e conseguir que a man guíe ao pincel ata ser transmisora da emoción do instante. Na exposición ´Kokoro´ mergúllome nun universo feminino de emocións íntimas, onde a tinta irrompe no baleiro mostrando o visible e o invisible da sensualidade e fantasía feminina", detallou.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes