Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O pintor de ascendencia ourensá Jaime Galdeano expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra "Meigas boas"

Composta de obras que teñen como temática común a mulleres fortes e independentes
Madrid, 1 de marzo de 2017.

Jaime Galdeano, pintor de ascendencia ourensá, expón este mes de marzo na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a mostra "Meigas Boas" que axunta obras pictóricas de mediano e gran tamaño realizadas con variadas técnicas -acuarela, óleo, acrílico e mixtas- e linguaxes cromáticas e teñen como temática común a mulleres fortes e independentes que o artista identifica coas "meigas boas". A exposición, inaugurada esta tarde, permanecerá aberta ao público ata o 31 de marzo nas salas A e L da Casa.

No acto inaugural interviñeron, ademais do autor, José Ysmér, pintor, director da publicación "Acuarelia" e vicepresidente de honra da Asociación Española de Acuarelistas, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Entre os asistentes achábanse a exministra de Xustiza Margarita Mariscal de Gante e os pintores José Redondo, Luis Manso, Agustín Valladolid e Ramón Leonato (ex director xeral de Enerxía).

Jiménez destacou a vinculación do artista con Galicia, "que lle vén directamente de avó materno, que era ourensán, e que el cultivou ao longo de toda a súa vida", así como que "Galdeano é un reputado acuarelista, o que salta á vista nesta exposición" e a súa vinculación coa Agrupación Española de Acuarelistas. Ademais, ao socaire do título da exposición, recorreu ao libro "La raíz mágica del primero de mayo", de Raimundo García Domínguez, "Borobó", para distinguir entre bruxas, meigas, sabias e feiticeiras, en el que precísase que as meigas non voan e as que si o fan, "montadas nunha escoba", son as bruxas. "Como poden apreciar, non aparecen bruxas sobre escobas nestes cadros de Jaime Galdeano, senón druidesas, sabias mulleres".

Ysmér, tamén prologuista do catálogo da mostra, sinalou que as obras desta exposición están destinadas a acompañar os textos dun libro que Galdeano presentará proximamente, "Meigas boas", "vinculado a recoñecer sen ambaxes a capacidade intelectual das mulleres que, desde a persecución e o anonimato, estiveron e están na actualidade buscando o mesmo horizonte que os seus compañeiros homes". Informou de que para Galdeano xa existían meigas boas nos asentamentos do río Pego, a beiras de Noia, antes do Neolítico, que logo se fincaron no que hoxe é Santiago de Compostela e que despois emigraron e "hoxe esas druidesas da antigüidade se diseminan polo Orbe". "Estudade o pensamento de calquera muller sabia e acharedes unha excelsa meiga boa", engadiu.

"Seres e lugares de diversas latitudes e personaxes diversos son tratados con anatomías insólitas, seria ou cómicamente. Todos constitúen un pequeno ramallete de canto vos ofrece o artista", indicou respecto dos cadros da mostra.

Pola súa banda, Galdeano explicou que a exposición constitúe "un achegamento ás mulleres que desde a antigüidade tiveron unha forma de comportarse distinta á xeneralidade". Intelixentes e independentes, "eran dentro da cultura celta as druídas e logo denominoullas bruxas con connotacións negativas". Tamén que foi unha das súas moitas estancias en Galicia a que lle inspirou a idea de dedicar un libro e unha exposición a esas mulleres e que a mostra que se exhibe na Casa é a parte gráfica que acompaña ao libro.

"Onde hai unha muller intelixente e independente hai unha meiga boa", afirmou Galdeano, para quen a exposición "é un brinde a Galicia e ás mulleres intelixentes e sacrificadas a través dos séculos".

Jaime Galdeano está vinculado a Galicia desde moi neno a través do seu avó materno, ourensán, na súa adolescencia participou en festivais folclóricos galegos e posteriormente en experiencias pictóricas que lle levaron a pintar do natural no Pazo de Mariñán, A Coruña, Betanzos, Culleredo, Brión, Porto Son, beiras do río Pego, Bastavales, etc. Formouse co mestre José Manau, discípulo de Sorolla, a Escola de Cerámica da Moncloa e a Agrupación Española de Acuarelistas, da que foi vicepresidente e presidente e hoxe é socio de honra, presidente de honra e profesor de Creatividade Plástica.

Entre exposicións individuais e colectivas superou o medio centenar e as súas obras áchanse en coleccións como a do Museo de Belas Artes de San Fernando, a de mariñas do rei Juan Carlos I, o Museo Nacional de México, as sucursais do BHA en Nova York e Bruxelas, a Deputación da Coruña, a dos concellos de Madrid, Culleredo, Brión, La Alberca e A Roda, ademais de en coleccións particulares en España, Francia, Bélxica, Italia, Portugal e USA. Está en posesión de numerosos premios e mencións honoríficas de certames pictóricos.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes