Medios

  • (2848x4288px., 1273 Kb.)
  • (2848x4288px., 769 Kb.)
  • (2848x4288px., 902 Kb.)
  • (2848x4288px., 919 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A exposición de Marcelino Lago fonde Galicia con Canarias en pinturas "sinxelas e orgullosas porque saben de onde veñen e o que son"

O artista de Ourense afincado en Canarias mostra na Casa as súas creacións máis recentes
Madrid, 4 de outubro de 2011

A "Sala A" da Casa de Galicia acollerá ata o 28 deste mes a exposición do artista de Ourense afincado en Canarias, Marcelino Lago. A mostra, "Sen título", compóñena 16 óleos sobre lenzo e papel, unha selección das súas últimas creacións nas que funde a súa orixe co seu actual ámbito. "As miñas obras nacen en Canarias, veñen de Galicia, son humildes, sinxelas, sen artificios pero ao mesmo tempo orgullosas. Saben de onde veñen e o que son", dixo o artista no acto de inauguración.

Na presentación, o coordinador de Actividades Culturais da delegación da Xunta en Madrid, Ramón Jiménez resaltou a capacidade de Lago que "con poucas cores dá vida a estes cadros. Se nos fixamos ben con catro abóndanlle a Marcelino para plasmar as súas inquietudes e as súas fantasías. Son cadros sen título, ao igual que son sen rostro os personaxes que os poboan. Cala sobre as súas intencións pictóricas, quere que as adiviñemos, que as interpretemos cada un ao noso xeito. Por iso non dá a cara, non lles pon cara ás súas figuras, coma se temese que unha mirada delas cruzada en complicidade coa nosa ao contemplalas puidese revelarnos algún misterio insondable e terrible aprisionado na mente do autor,".

Jiménez sinalou tamén "outra opinión miña, e é que Marcelino Lago logra dar ás súas composicións un notable volume, unha dimensión que non esperariamos da concisa liña, na que por outra parte é especialista pois na súa etapa formativa o debuxo técnico e artístico estivo sempre moi presente".

"A min estes cadros, a pesar da calidez ocre con que o seu autor trata de arroupalos, recórdanme a atmosfera fantasmal deses escaparates en que, pola noite, os manequíns aparecen nus, neses momentos de desolación antes da presentación dun novo catálogo de moda. E indo máis lonxe aínda na desolación, poderían representar tamén estes manequíns a obra de teatro dun campo de concentración en que seres despoxados da súa personalidade, convertidos nun simple número, co rostro borrado e as mans atadas ás costas, nos advirten da iniquidade humana. E para rematar coas miñas impresións e coas liñas, unha máis, ese cadro fantástico onde unhas cantas cabezas coas caras voltas cara ao ceo parecen simular co seu perfil a liña do horizonte. Pero quen non viu algunha vez algunha afastada montaña que parece a silueta de alguén xigantesco que, deitado, cos ollos pechados, dorme un sono eterno? ", dixo o presentador na súa intervención.

Marcelino Lago, estudou na súa cidade natal, onde contou entre os seus profesores de Primaria e Bacharelato con destacados intelectuais da cultura galega como Xaquín Lorenzo "Xocas", membro da "Xeración Nos" e José Luis López Cid, entre outros. Realizou estudos Universitarios en Santiago e a Complutense de Madrid. Viaxou por Europa e América e posúe obras en coleccións públicas e privadas en España, Gran Bretaña, Italia, Suíza e Estados Unidos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes