Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O artista cubano Omar Kessel expón a súa obra na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/ /Casa de Galicia

É xefe de Taller do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos
Madrid, 4 de novembro de 2015.

O artista cubano Omar Kessel, profesor de gravado e xefe de Taller do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos (A Coruña), inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a exposición “Por un pouco de amor”, que mostra nas salas A e B da Casa a súa produción máis recente en pinturas, debuxos, óleos, gravados e tallas de madeira, xunto con algunha máis antiga. A exposición está aberta ao público ata o próximo 27 de novembro.

Interviñeron na inauguración o propio artista e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid/Director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Jiménez referiuse “á inmensidade da exposición que nos rodea”, que atopou “inabarcable, rotunda, impresionante”, tanto nas técnicas empregadas como nos temas tratados, entre os que destacou “a sensualidade das figuras reflectidas nas súas obras”. “A extraordinaria pintura de Omar foi xa obxecto de numerosos estudos polos expertos, pois a ninguén deixa indiferente”, afirmou.

Kessel referiuse á temática da obra, figurativa, na que abundan figuras humanas, femininas e masculinas, rotundas e coloristas, quizá de influencia tropical –“aínda que cando estudaba en Cuba o que máis coñeciamos era a pintura europea”-, fortes e expresivas, e ao “real marabilloso”, concepto no que axunta a realidade e os soños, inspirado nas “pinturas negras” de Goya.

O artista visual e coordinador de “arTeu, arte + sociedade”, Xaccobe Meléndrez Fassbender, prologuista do catálogo da mostra, lembra que Kessel leva máis de 23 anos vinculado a Galicia, 17 deles traballando no CIEC. Un tempo durante o que “impregnouse de esencias brigantinas e galegas e incorporounas ao seu discurso artístico, deixando tamén o seu sinal en moitos discípulos”. Apreciou que nesta exposición “mostra composicións tensionadas entre a vida, o Eros que nos alaga nos corpos femininos e a morte” e trasluce “un sincretismo relixioso moi enraizado na espiritualidade cubana”.

Pedro Taboada, comisario de exposicións, que non puido asistir pero envío a intervención que tiña prevista, destacou a formación académica de Kesser, de quen afirmou que “é un artista completo”, facendo un percorrido pola súa pericia no gravado, o traballo coa madeira, a xilografía, o debuxo e a litografía. “De estilo persoal, as súas obras non deixan indiferente ao espectador amante da arte, a súa obra reflicte sen dúbida a súa orixe cubana”, pola sensualidade e o colorido, indicou. “Esa forma de crear é unha virtude que acompaña ao artista que deixa a súa terra para traballar noutros lugares, algo que os galegos vimos tantas veces nos nosos artistas emigrados en terras americanas”, valorou.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes