Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O pintor lucense Jorge Espiral recrea os seus temas predilectos na mostra que exhibe na Casa de Galicia en Madrid

Titulada "Se non volves e se te perdes", composta por acrílicos sobre lenzo
Madrid, 2 de xullo de 2015.

Baixo o título de "Se non volves e se te perdes", o pintor lucense Jorge Espiral -nome artístico de Jorge López Pérez- presenta en dúas das salas da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha mostra da súa obra composta por acrílicos sobre lenzo montados sobre polípticos nos que recrea os seus temas predilectos: toureiros, meninas, boxeadores e bodegóns de obxectos cotiáns, entre outros. A exposición pode visitarse ata o próximo día 31.

En representación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, a mostra e o autor foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen apreciou que o pintor, "que se cualifica a si mesmo, con todo orgullo, como local", con esta exposición se está a converter en "nacional". Explicou que o título alude á posibilidade de que algún cadro non volva á casa despois da exposición e afirmou que as pinturas de Jorge Espiral "son alegres, divertidas, graciosas e sobre todo moi intelixentes" e que para entendelas hai que ler os títulos que as acompañan “e entón sorriremos cos acenos, cos xogos de palabras, coa brillantez das ideas que conteñen". Engadiu que o pintor posúe "un estilo propio, recoñecible", entre a figuración e a abstracción.

"Saio do mundo do cómic alá polos anos 80 e empezo a expoñer. Converto o toureiro no epicentro da miña pintura, redescúbroo a través de Solana, Ceesepe, Picasso, Javier de Juan, pero o meu toureiro non tourea. Cada vez está máis na barra dos bares que na barreira das prazas de touros, non sae a ombros, ao contrario, é un perdedor. Fago acenos ao mundo do cine e do cómic, as miñas montaxes recordan ás viñetas e aos fotogramas, realizo series homenaxeando ao cine -Bailando con touros, Toritos negros fritos, Nueve raíñas, Nacido o 7 de xullo- e convértome nun francotirador na ventá do hispano" expuxo o pintor sobre si mesmo e a súa obra.

"Redescubro o bodegón e as miñas naturezas nunca son mortas, ao contrario, vivitas y coleando, e sigo contando historias cos meus bodegóns que humanizo e a cafeteira se converte en mamá, o tío Pepe no seu marido, o sifón no avó, o anís do mono no tío e as cuncas, vasos e cataviños en primos e sobriños e con eles realizo a serie de tíos, primos e demais familia. Sigo xogando e converto as cuncas en equilibristas cando se amontoan antes de fregar. Pinto meninas cada vez máis rotundas, case escultóricas e os meus boxeadores son cada vez menos agresivos e máis xoguetes do pim pam pum". "Pinto pintaores e ladróns de cadros (os meus cadros dentro dos meus propios cadros) sempre sen deixar de xogar e de contar nun cadro o que deixe de contar nun cómic", engadiu sobre a súa temática.

Jaureguizar, prologuista do catálogo, descóbrenos que "Jorge Espiral pinta de noite e en solitario". "Jorge sabe pintar na soidade artificiosa de quen se illa para crear e na escuridade mentireira da luz artificial, pero sempre está acompañado e os seus cadros nunca renuncian ás cores da luminosidade", expón.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes