Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Sueños", colorista mostra de pintura de José Moleiro na Casa de Galicia en Madrid

A obra do artista ourensano estará exposta ao público ata o próximo día 27
Madrid, 4 de maio de 2014

"Sueños" é o título da colorista exposición de pintura que o artista ourensano José Moleiro, natural de Boedes, do Concello de Carballiño, inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, onde poderá verse ata o próximo día 27.

Moleiro estivo acompañado na inauguración polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen lle presentou resaltando a súa creatividade. "Esta pintura que ven vostedes é a culminación dun sono longamente acariciado por el dende os vellos tempos en que empezou sendo un bo alumno do debuxo realista, que era por outra parte por onde debía empezar. Non había, non obstante, entón aínda principiado a crear de verdade, é dicir aínda non se desenvolvera na súa plenitude a semente da súa vocación, que agora si, convertida xa en árbore, move libremente ao vento as súas frondosas ramas", expuxo Jiménez sobre a obra de Moleiro. Tamén fixo referencia á pureza das súas cores, vivas, intensas, sen mesturas.

O pintor, deixou claro que a súa creación actual -antes tamén desenvolveu outros estilos- é froito da súa imaxinación e do seu sentimento, que non hai copia nela e que pinta sen cinguirse a regras de ningún tipo. Explicou que crea os trazos cando lle veñen á imaxinación e despois se dedica ao proceso de coloreado. "É un pintura única e moi enigmática, porque cada un pode ver o que queira nela", valorou. Moleiro, autodidacta, persoa que está "en paz consigo mesmo" e sempre disposta axudar en causas humanitarias para mellorar o mundo, ofreceu que as súas obras "sempre están dispostas para colaborar con esas causas".

Os seus "Sueños", que é como titula aos cadros expostos, ás veces son froito dalgún acontecemento que lle impacta. Como o "Sueño 1", pintado tras a traxedia do "Prestige", ou o "Sueño 10", inspirado na visita a unha pequena aldea afastada no tempo que o pintor transporta sobre madeiros de árbores como rodamentos.

"Ir e vir de liñas trazadas con cores primarias, acollidas baixo o arco da vella dos catro elementos panteístas que xogan nun toque infantil, puro, en toda a súa obra, como esas pegadas dixitais, curvas de nivel, topografía, engurras do rostro, da terra, do canto que golpea e rebota na auga creando cercos que se amplían mentres un pequeno zapateiro nada para ningunha parte e unha libélula o imita no aire entre os xuncos, os reflexos e o moaré das augas", escribe no catálogo da exposición sobre a obra de Moleiro o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén López.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes