A Federación de Asociacioes Galegas en Madrid (FAGAMA) celebrou na Casa o Día das Letras

A conmemoración, á que acudiu o secretario xeral de Emigración, incluíu aspectos literarios, musicais e gastronómicos
Madrid, 18 de xuño de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, acolleu hoxe a celebración do Día das Letras Galegas organizado por FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid) cun amplo programa que incluíu aspectos literarios, musicais e gastronómicos. O acto contou coa asistencia do secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e as intervencións do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o presidente de FAGAMA, Ovidio Cadenas; do secretario de FAGAMA Fernando Gómez; o investigador do centro Ramón Piñeiro e crítico literario, Armando Requeixo, que pronunciou a conferencia sobre Manuel María e o cantautor Emilio Rúa, que emocionou coa súa interpretación a gran parte dos asistentes.

Ónega, tras as súas palabras de benvida citou a Alfonso X o Sabio cando dixo en relación á amizade, Queimade vellos madeiros, bebede vellos viños, lede vellos libros, tede vellos amigos; "Os amigos de FAGAMA sodes entrañables e verdadeiros. Pódovos asegurar o meu recoñecemento por regalarnos sempre amizade verdadeira e colaboración entrañable".

Ovidio Cadenas, tras os agradecementos explicou que a celebración, aínda que un pouco atrasada, porque non é fácil que en maio poida todo o mundo, supón sempre "un magnífico punto de encontro para a galeguidade en Madrid".

Armando Requeixo, falou sobre a figura de Manuel María, que con só 17 anos fundou a revista  Xistral, da que só puido editar dous números pero na que colaboraron Aquilino Iglesias, Luís Pimentel ou Cunqueiro. Anos máis tarde abriría en Monforte unha librería co mesmo nome, que atendería Saleta, mentres él escribía e escribía, "case de forma compulsiva", como o proban os seus máis de sesenta libros de poemas, ademais de teatro, prosa...

Fernando Gómez foi o encargado de presentar a Emilio Rúa, cuxa vocación naceu na familia pois todos os veráns desde os sete anos percorría Galicia tocando coa orquestra familiar.

O cantante e músico Emilio Rúa interpretou un amplo repertorio cos temas do seu novo disco "Querida alegría" e outros xa míticos galegos como Lela, A Rianxeira, ou a súa xa famosa versión da Carolina, que emocionou a unha gran parte do auditorio.

O acto, que se iniciou con música tradicional para a recepción a cargo do grupo de Xuntanza de Galegos en Alcobendas, finalizou na localidade de Griñón onde  se trasladáron para gozar dunha comida de irmandade, á que asistiu o secretario xeral Antonio Rodríguez Miranda.

Compoñen a FAGAMA oito entidades: o Centro Galego de Móstoles, o Centro Galego da Serra de Madrid, a Casa Galega de Fuenlabrada, o Centro Galego Noroeste da Provincia de Madrid, a Asociación Galega Corredor do Henares, o Centro Galego de Tres Cantos, Xuntanza de Galegos en Alcobendas, e a Asociación de Taxistas Galegos en Madrid.

Máis de 78.000 galegos

En Madrid e provincia residen agora, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística ao 1 de xaneiro de 2016, un total de 78.040 galegas e galegos, sendo por tanto a primeira Comunidade Autónoma española en número de paisanos, e iso sen contar as segundas xeracións xa nadas na diáspora, que en moitas ocasións senten con tanta forza como os seus pais e avós o sentimento de pertenza á Galeguidade. Este feito faise palpable na importante participación da mocidade en moitas das actividades que desenvolven as comunidades galegas asentadas na capital e provincia.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes