Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Xunta colabora con 1,3 millóns de euros co Colexio de Enxeñeiros Navais no control das axudas comunitarias dirixidas ao sector pesqueiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente do Colexio de Enxeñeiros Navais, Luís Vilches, asinaron un convenio de colaboración na Casa de Galicia en Madrid
Madrid, 25 de xaneiro de 2016.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o decano presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España, Luis Vilches, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre a Consellería e o Colexiopara realizar accións de valoración, seguimento e control de proxectos de investimentos subvencionables a través do Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020 (FEMP). A esta colaboración a Consellería do Mar destina un importe de 1,3 millóns de euros para as anualidades de 2016, 2017 e 2018.

Ao acto tamén asistiron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e nel a conselleira destacou a importancia desta colaboración. A través dela, lembrou, “búscase acadar o óptimo grao de adecuación dos fondos europeos que a Unión Europea destina ao sector pesqueiro ás finalidades que perseguen estas achegas”.

Polo tanto, engadiu Rosa Quintana, “facilitará unha maior exactitude na valoración e no seguimento dos proxectos e garantirá un maior grao de correspondencia entre as necesidades reais de investimento e a contía das axudas outorgadas”.

A vixencia desta colaboración estenderase ata o 31 de decembro de 2018 e poderá ser prorrogada por mutuo acordo entre as partes, sempre e cando a duración total das prórrogas non supere a vixencia inicial do convenio.

Para asegurar o seu cumprimento a colaboración contempla unha comisión de seguimento composta polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e polo Decano Presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceanográficos. Esta comisión é o mecanismo de actuación conxunta para garantir a efectividade do convenio e solventar as dúbidas que se poidan presentar na súa aplicación.

Entre as funcións do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos están a colaboración e o apoio das administracións públicas para conseguir que os distintos sectores produtivos, entre eles o sector primario, teñan cada vez unha posición máis competitiva mediante a aplicación da técnica e as tecnoloxías máis idóneas. Este Colexio profesional está capacitado para poñer a disposición da Consellería do Mar enxeñeiros superiores de alta cualificación para colaborar nos programas resultantes da política pesqueira da Consellería.

Madrid Fusión

Pola tarde a conselleira continuará a súa axenda en Madrid e asistirá ao acto “La Cocina del Abalón”, enmarcado na Feira Madrid-Fusión e patrocinado pola empresa Galician Marine Aquaculture. Este evento consistirá nunha demostración de cociña do molusco abalón, popularmente coñecido como orella de mar. Esta será realizada polo cociñeiro Ángel León, xefe de cociña do restaurante Aponiente Molino de Mareas e por David Arauz, encargado da cociña do 99 Sushi Bar.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes