A Delegación da Xunta en Madrid acolleu a presentación da guía "Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil", de Manuel Vilar

Publicada por Alvarellos Editora en tres idiomas, galego, castelán e inglés, en volumes separados
Madrid, 23 de outubro de 2019.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "Camino de Santiago a Muxía por Brandomil", de Manuel Vilar, publicado por Alvarellos Editora en tres idiomas, galego, castelán e inglés, en volumes separados. Trátase dunha guía ilustrada con planos de lugares e 75 fotografías dunha senda histórica de 86 quilómetros que se remonta aos tempos dos romanos, que logo acolleu a peregrinos desde Compostela ata a Costa da Morte e que ten como un dos seus emblemas a ponte de Brandomil. A súa elaboración, edición e difusión están a ser financiadas polos concellos coruñeses de Zas, Santa Comba e A Baña e por varias entidades locais, como a Fundación Brandomil.

Na presentación participaron o seu autor e director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez, o presidente da Fundación Brandomil, José Pérez Santos, o subdirector do Museo Nacional de Artes Decorativas, Félix de la Fuente Andrés, o director da editorial, Henrique Alvarellos, o alcalde de Santa Comba, David Barbeira García, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen interveu en representación do delegado da Xunta, José Ramón Ónega.

Jiménez lembrou que a senda detallada na guía "remóntase a tempo dos romanos e acolleu logo a peregrinos e camiñantes desde Compostela ata a Costa da Morte". Tamén que "ten como un dos seus emblemas a ponte medieval, quizá con orixe romana, de Brandomil. Non en balde a zona está sementada literalmente de restos romanos: capiteis, columnas, etc."

Alvarellos expuxo que quixeron que a guía "fose moi atractiva, pois vai ilustrada con 75 reveladoras fotografías, e, ao mesmo tempo, moi práctica, cun tamaño adecuado para levala connosco cando camiñamos". "Grazas á Fundación Brandomil puidemos facela en tres idiomas, galego, castelán e inglés, o que dará unha difusión ampla a esta senda histórica", engadiu.

Barbeira explicou que para o Concello de Santa Comba "é moi importante a difusión que o Camiño pode dar da nosa contorna natural e da nosa idiosincrasia, teniendo en cuenta ademais que o símbolo deste roteiro, a Ponte de Brandomil, que cruza o Río Xallas, era o elemento que utilizaron os romanos para entrar no noso territorio fai uns 2.000 anos", valorando que "este esplendoroso pasado, xunto coa posterior tradición xacobea de viaxar cara ao Finisterrae, e cara a Muxía, seguro que motivou o paso de miles de peregrinos pola nosa terra".

"Esa historia, xunto a que a recuperación deste Camiño xurdiu desde a xente, desde o movemento asociativo, ao que Santa Comba apoiou desde o primeiro momento, tanto desde a anterior corporación como desde a actual que presido, fainos ser optimistas con respecto ao futuro que nos espera, cunha vía que una realidades diferentes, paraxes diferentes, pero co denominador común da Galicia rural, con posibilidades de reverdecer e recuperar novos recursos que fagan das nosas comarcas lugares abertos ao visitante de Galicia", declarou.

De la Fuente eloxiou a pertinencia do libro nestes momentos e o rigor na metodoloxía e resaltou o papel dos camiños na articulación do territorio, o pensamento das sociedades e a súa transformación ao longo do tempo. "É interesante reflexionar sobre o paradoxo que se produce entre a perda de valor funcional dos camiños e a súa revalorización como patrimonio cultural inmaterial. Neste sentido, este patrimonio pasa a ser considerado como un recurso socioeconómico, coas lóxicas tensións entre as expectativas que isto xera, e as ameazas da masificación e trivialización", observou, considerando que, "por iso mesmo, é valioso o punto de vista de Manuel Vilar, que non se limita a describir unha realidade, senón que achega unha análise valente da situación, achegando solucións e valores".

Pérez Santos agradeceu o interese por este camiño "de tantas persoas que, cada vez en maior número, acórdanse de el". "É unha senda na que os visitantes e peregrinos poden atopar sorpresas únicas como a Ponte de Brandomil, unha xoia cultural e paisaxística", afirmou o presidente da Fundación Brandomil, quen se mostrou confiado en que "esta publicación contribúa a crear máis embaixadores deste camiño".

Pola súa banda, o autor, Manuel Vilar, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Antropoloxía e Máster en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio, explicou que a súa pretensión "ao escribir esta guía foi, por unha banda, sinalar os elementos que relacionan o Camiño de Santiago de Compostela a Muxía co culto xacobeo. Por outra, mostrar o papel determinante de vellos camiños na construción dunha paisaxe cultural, porque son determinantes para levantar un patrimonio cultural e unha memoria social, que fixeron posible a existencia dun vivir colectivo".

Vilar recibiu en 2009 o Premio de Investigación "Rutas Xacobeas" convocado pola Asociación de Cámaras de Comercio por un traballo sobre o Camiño de Fisterra e Muxía.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes