I Seminario do Programa de Formación "Más Social" da Fundación Barrié

Unha trintena de profesionais do Terceiro Sector acode á Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia á xornada de formación de extensión nacional
Madrid, 30 de maio de 2019

A Delegación da Xunta en Madrid acolle durante o día de hoxe o primeiro seminario de traballo da nova edición do "Programa Formativo Más Social" da Fundación Barrié na súa extensión a nivel Nacional, dados os excelentes resultados obtidos en Galicia. Un programa que se exporta fóra da comunidade de orixe porque tamén a nivel nacional está a dar moi bos froitos.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, saudou á coordinadora de Programas de Acción Social da Fundación Barrié, Greta Fábregas; e tamén ao director académico do Programa desde o ano 2011, Carlos Cortés, dándolles a ambos de novo a benvida á Casa. "Aquí estamos outra vez", dixo Fábregas, ao que Ónega respondeu, "estamos encantados e iso é o que tedes que facer; seguir co voso magnífico labor, e continuar co voso traballo por un sector que tanto o necesita". Seguidamente Ónega dirixiu unhas palabras á trintena de profesionais que asisten á xornada e que pertencen a máis de vinte organizacións de diferentes puntos de España. "Pensaba falar seis ou sete horas", dixo Ónega con humor, "pero deixarémolo só nunhas cantas frases", entre elas expresou o desexo de que o curso "sexa de gran proveito para todos".

O programa desenvólvese co propósito de seguir apoiando o fortalecemento das capacidades de xestión das entidades do Terceiro Sector social de ámbito nacional, e impartirase en tres seminarios que darán continuidade ás dúas anteriores edicións formativas de 2016 e 2018: A xornada de hoxe leva por título "A ética na Dirección e Xestión de entidades non lucrativas". O seguinte seminario, previsto para o día 13 de xuño, será, "Como previr e xestionar os conflitos dentro do teu equipo ou cos teus grupos de interese?"; mentres que o terceiro e último, o día 27 do próximo mes, "Como desenvolver as túas habilidades de negociación en beneficio da túa entidade? (Nivel Avanzado)".

Os destinatarios son representantes das 21 entidades sociais (confederacións, federacións, redes ou similar de ámbito nacional, así como algunha entidade social de intervención directa) que foron convidadas a participar no Programa Formativo que se está desenvolvendo agora en Madrid (Casa de Galicia) e que conta como relatores con Javier Martín Cavanna (Profesor asociado no Instituto de Empresa na área de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e na Cátedra Inditex de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña), Luís Carlos Perea (Consultor social e formador experto especializado en fundraising e comunicación dixital), Carlos Cortés (Director académico do Programa Formativo Máis Social da Fundación Barrié desde o seu inicio en 2011 e profesor en Escolas de Negocios e Universidades sobre xestión de persoas, habilidades directivas e organizacións no ámbito non lucrativo), Pilar García de Viedma (Professional Certified Coach executivo e de equipos (ICF), coach de liderado e de carreira profesional no IESE Business School), Joan Plans (Especialista en negociación e dirección de persoas. Escritor e conferenciante. Colaborador académico nos programas Executive Education de ESADE Business School).

Máis información en: ifuster@fbarrie.org

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes