Medio centenar de profesionais acudiron á Delegación da Xunta en Madrid ao "II Seminario do Programa Más Social da Fundación Barrié"

Os asistentes son de 25 entidades diferentes pertencentes a unha decena de colectivos relacionados co Terceiro Sector
Madrid, 13 de xuño de 2019

O Programa Formativo MÁS SOCIAL da Fundación Barrié celebrou na Delegación da Xunta en Madrid o "Segundo Seminario", que leva por título "Como previr e xestionar os conflitos dentro do teu equipo ou cos teus grupos de interese (usuarios, familias, financiadores, outras entidades,…)?"; e a el acudiron case medio centenar de profesionais, (48, concretamente) de 25 entidades diferentes pertencentes a unha decena de colectivos relacionados co Terceiro Sector. Entre os asistentes atopábanse responsables de postos directivos, membros de organismos de goberno e persoal técnico.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, saudou á coordinadora de Programas de Acción Social da Fundación Barrié, Greta Fábregas; ao director académico do Programa, Carlos Cortés; e tamén a Pilar García de Viedma, encargada de impartir os contidos do II Seminario, dándolles a todos a benvida á Casa. Seguidamente, dado que gran parte do alumnado asistía por primeira vez á institución galega Ónega dirixiulles unhas breves palabras nas que explicou, de forma moi resumida as funcións da Casa, e finalizou desexando que a xornada "sexa de gran aproveitamento para todos", e "tamén para elas, pois vexo que predominan as profesionais mulleres", xesto que agradeceron.

Este II Seminario foi impartido por Pilar García de Viedma (Professional Certified Coach executivo e de equipos, ICF) cunha duración de 5 horas. Entre os obxectivos desta xornada estaban: Aprender a entender o conflito. Descubrir o perfil persoal e de equipo ante o conflito. Coñecer o funcionamento dun equipo ante esa situación. Obter distintos mapas e ferramentas para previr, actuar e resolver conflitos. Desenvolver habilidades para melloralos.

A metodoloxía do seminario combinou contidos cognitivos, traballo con emocións e dinámicas grupais activas. A formación foi eminentemente práctica e para sacar o máximo proveito á xornada, uns días antes da súa celebración os asistentes recibiron instrucións e varias tarefas previas.

O obxectivo desta nova edición segue sendo o apoiar o fortalecemento das capacidades de xestión das entidades do Terceiro Sector social agora no ámbito nacional, dado o éxito obtido no ámbito autonómico en Galicia, coa participación dun total de 25 entidades, confederacións, federacións, redes ou similar de toda España.

Para máis información : ifuster@fbarrie.org

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes