"Falando para o colo da camisa", gravados de Isabel Somoza na Casa ata o 27 de este mes

A artista e investigadora lucense que traballa con novos e alternativos soportes, ofrece unha selección das súas últimas creacións
Madrid, 3 de novembro de 2015

A Casa de Galicia, sede institucional da Xunta en Madrid, ofrece ata o día 27 deste mes a exposición de gravados "Falando para o colo da camisa", da artista e investigadora lucense Isabel Somoza que traballa con novos e alternativos soportes como resinas de poliéster, vidro ou tecidos. Esta orixinal mostra está composta por unha selección de obras estampadas en elementos de xastrería, tecidos, puños e colos de camisas.

O acto de inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades da institución, Ramón Jiménez Pérez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López.

"O primeiro que chama a atención nesta mostra é o soporte usado pola artista, que é a peza denominada exactamente colo da camisa", sinalou o presentador nas súas palabras. "Imaxinativa, poética e evocadora", son os cualificativos elixidos para definir "esta intervención artística tan orixinal".

Noutro momento da súa intervención Jiménez evocou á artista neoyorkina Alison Moritsugu cando utiliza "os toros das árbores ou as seccións cortadas dos seus troncos caídos de forma natural, para pintar idílicas e bucólicas paisaxes". Neste sentido "todas as superficies son boas á hora de expresar os mundos internos das persoas, unha demostración máis, como a de Isabel, de que non se pode poñer portas ao campo da creatividade".

Pola súa banda, a autora explicou a razón dos materiais empregados. "Na miña casa houbo sempre xastrería e tenda de confección -Confeccións García- e nela atopo auténticas xoias cada vez que rebusco un pouco".

"Esmaltografía, linóleo e colaxe"; "Linóleo estampado en talla e en relevo", "Monotipo, fotogravado e punta seca", "Augaforte, fotogravado e cosido manual", ou "Pirogravado sobre PVC, termoimpresión e fotogravado", son algúns dos títulos das súas obras que en si mesmos xa dan unha idea das múltiples técnicas que realiza a artista.

Na mostra que ofrece na Casa de Galicia pode contemplarse tamén unha colección de facturas, talóns e recibos antigos, todo iso empregado como soporte gráfico.

Isabel Somoza, é licenciada en Belas  Artes e gravado; e ademais de ensinar plástica e debuxo en Educación Secundaria, dirixe o seu propio centro de gravado, ao que o público pode acudir a aprender, estampar no taller, ou simplemente, visitar as exposicións que prepara.

 

A mostra poderá ser visitada ata  o 27 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes