A Casa de Galicia celebra o 150 Aniversario de Valle-Inclán cunha exposición iconográfica do artista Siro

Promovida pola Consellería de Cultura e Educación co apoio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, estivo presidida polo presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e reune 39 obras nas que o debuxante ferrolán ofrece a súa singular visión sobre o escritor galego
Madrid, 7 de novembro de 2016.-

A exposición "Retratos, caricaturas e visións" reúne na Casa de Galicia en Madrid 39 obras nas que o debuxante e pintor ferrolán Siro López Lorenzo "Siro" ofrece o súa particular mirada sobre Ramón María del Valle-Inclán, do que se celebra este ano o 150º aniversario do seu nacemento. Promovida pola Consellería de Cultura, Educación  e Ordenación Universitaria co apoio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a mostra foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; polo director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González; e polo propio Siro, "un deses artistas que seguramente van transcender, como Valle-Inclán, a súa propia época e han ser un referente permanente no imaxinario da cultura galega".

Con estas palabras referiuse Anxo Lorenzo ao autor das obras, ao que tamén cualificou como "unha das mans máis destacadas da Galicia de hoxe". "É un luxo", asegurou, "que podamos mergullarnos nas distintas perspectivas de Val-Inclán a través da súa ollada, cunha variedade de técnicas sorprendente" que van da témpera á serigrafía, pasando pola tinta, a acuarela, a cera sobre papel ou o acrílico sobre tea. 

Unha iconografía "excepcional" ao redor de Valle

Segundo explicou, a mostra ofrece no seu conxunto "unha iconografía ao redor de Valle excepcional". "Porque Siro, ademais desa capacidade plástica, ten unha capacidade singular e única para captar a esencia, para achegar unha ollada irónica, profunda, que ás veces parece case un relato", dixo.

A contribución da Casa de Galicia á celebración

"Este ano, ademais de conmemorar o 400º aniversario da morte de Cervantes e de Shakespeare, e o centenario de Rubén Darío, entre outras efemérides, tamén celebramos o 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán", explicou José Ramón Ónega. "A Casa de Galicia, sede a Delegación da Xunta en Madrid", engadiu,  "non quería quedar á marxe de tan importante conmemoración e grazas á Consellería de Cultura podemos ofrecer esta marabillosa exposición, composta por debuxos e pinturas de diferentes técnicas e estilos dedicadas ao admirado escritor e dramaturgo".

Este proxecto expositivo da obra de Siro ao redor de Valle-Inclán nace ao amparo da programación coa que a Xunta de Galicia está a conmemorar os 150 anos do nacemento do escritor. As obras da exposición proceden da colección de debuxos e de pinturas que alberga o Museo Vale-Inclán da Pobra do Caramiñal (A Coruña), unha serie que se traduce en cadros que recollen ritmos xestuais, particularidades fisionómicas, suxestións de indumentaria e carácter dun dos principais escritores do século XX.

Esta colección única exhíbese agora na Casa de Galicia en Madrid ata o 27 de novembro para facer partícipe a capital do país dos actos conmemorativos deste 150º aniversario de Valle-Inclán. A exposición poderá ser visitada en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas os días laborables. Os domingos e festivos permanecerá aberta de 10:00 a 14:00 horas.

Siro

Aínda que o recoñecemento popular de Siro López Lorenzo, Siro (Ferrol, 1943), vén dado polo labor que como caricaturista político desenvolveu ao longo de 40 anos na prensa, o certo é que estamos ante un artista que realiza co mesmo éxito todas as posibilidades do debuxo, desde o retrato á caricatura, pasando pola ilustración e con dominio de todas as técnicas.

Nas súas figuracións admirativas de Valle-Inclán pon especial énfase na liña descritiva do perfil, na expresividade vitalista dos ollos e na caracterización da personalidade poliédrica do escritor galego.

O presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría, que pechou o acto, destacou que a mostra "é enormemente interesante porque integra dúas figuras singulares da terra: o gran literato e o  magnífico artista, cuxa obra sigo moi de preto" e engadiu algunhas divertidas anécdotas do insigne escritor pai do esperpento.

A exposición poderá verse ata o 27 deste mes, en horario de 10 a 14  e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes